A EGAP formará aos responsábeis das oficinas de xuventude en ecommerce, consumo e publicidade

mércores, 22 de xaneiro do 2020 Redacción

Os responsábeis das oficinas de xuventude (OMIX e demais) dos concellos van ter ao seu alcance, este tempada, unha serie de actividades de divulgación sobre os mellores xeitos de tirar partido das tecnoloxías, recursos de gran utilidade (para a formación, para a comunicación, para a empregabilidade) sempre e cando sexan empregados seguindo unhas pautas sobre en que portas petar, de que xeito e durante canto tempo. As actividades en cuestión veñen da man da Escola Galega de Administración Pública e consisten en cursos para o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; dos Espazos Xoves e das OMIX e OMIC.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 18 e o 25 de xaneiro de 2020. As solicitudes de participación nas actividades formativas, que se desenvolverán a distancia (teleformación), só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñíbel na web da EGAP.
Os cursos son os seguintes: Resolución de conflitos de consumo. A tramitación das súas reclamacións (búscase favorecer o coñecemento sobre os dereitos básicos das persoas consumidoras e usuarias e aprender a presentar unha reclamación en materia de consumo, así como coñecer os pasos a seguir antes, durante e despois de presentar unha reclamación; desenvolverase en modalidade de teleformación entre o 11 de febreiro ao 10 de marzo de 2020), Comercio electrónico (trátase de achegar información básica sobre consumo e seguridade na Rede, botando luz sobre os dereitos das persoas consumidoras nunha relación de consumo, complementándoos cos dereitos e garantías específicas no comercio electrónico; celebrarase a distancia entre o 8 de setembro ao 13 de outubro de 2020), Consumo e finanzas (celebrarase entre o 28 de abril e o 2 de xuño e, ao seu abeiro, analizaranse os produtos e os servizos financeiros desde unha perspectiva de consumo, dando a coñecer os distintos tipos de financiamento e cales son os aspectos legais que debe cumprir cada un deles), Consumo e publicidade (fornecerase aos asistentes de coñecementos básicos sobre publicidade, avaliando os distintos elementos que empregan as mensaxes publicitarias, está previsto que comece o 28 de abril, tamén en modalidade de teleformación), Consumo e xénero (búscase promover a reflexión arredor do consumo e o xénero filtrado polo papel crucial da educación, comezará o 20 de outubro e rematará o 14 de novembro).

PUBLICIDADE