A EGAP inaugura a quinta edición do seu curso superior en ciberseguridade

martes, 29 de abril do 2025 S. P.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta tarde a apertura das actividades da quinta edición do Curso Superior en Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Escola, en colaboración co Centro Criptolóxico Nacional (CCN).
O curso foi inaugurado pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da área de infraestruturas e seguridade da AMTEGA, Adrián Lence Paz; o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director do curso, Gustavo Herva Iglesias, e a avogada experta en ciberdereito, Noemí Rodríguez García.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia da formación en materia de ciberseguridade dirixida ao persoal empregado público incidindo en que ante as novas ameazas xurdidas co avance da administración telemática “unha das mellores ferramentas das que dispoñemos para defendernos é contar cun persoal empregado público especializado, formado e preparado para salvagardar a confianza nos servizos públicos”. Ademais, salientou que desde a Escola estase a traballar desde hai anos para ofrecer unha oferta formativa actualizada e reforzada en materia de novas tecnoloxías e ciberseguridade “co fin de dar resposta á demanda de profesionais que garantan a seguridade das persoas e dos servizos prestados aos cidadáns e para conseguir unha Administración máis eficiente, segura, accesíbel e transparente”. Segundo engadiu, resulta “fundamental contar con profesionais ben preparados e que actualicen os coñecementos e as ferramentas necesarias para preservar a información e loitar contra os delitos informáticos, así como saber previr as ameazas e os ciberataques”.
Pola súa banda, o xefe da subárea de seguridade da AMTEGA e director do curso, Gustavo Herva Iglesias, sinalou que “este é un curso xa plenamente consolidado, que ten formado a máis de 260 empregados públicos de distintas administracións galegas, o que nos anima a seguir traballando na formación e actualización do persoal empregado público neste eido tan crítico como é a seguridade da información e da contorna dixital”. Gustavo Herva Iglesias destacou, ademais, que desde hai anos a Xunta de Galicia “fixo da colaboración a pedra angular das súas accións en materia de ciberseguridade” e salientou os acordos co Centro Criptolóxico Nacional (CCN) e co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), “que permiten, por exemplo, a implantación de ferramentas proporcionadas polo CCN, que están a ser empregadas polas nosas administracións con eficacia, grazas en parte á formación que reciben os nosos profesionais”. Gustavo Herva salientou tamén que a capacidade de resposta ante os incidentes de ciberseguridade “baséase, en boa parte, no adestramento do persoal, a través de iniciativas como esta que hoxe inauguramos, así como na colaboración e unha visión compartida fronte a esta ameaza común”.
De seguido, a avogada experta en ciberdereito, Noemí Rodríguez García, impartiu unha clase maxistral.