A EGAP organiza dous novos cursos en modalidade de teleformación

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), organiza dúas novas accións formativas en prevención de riscos laborais en modalidade de teleformación, coa colaboración da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Estas iniciativas buscan promover unha cultura preventiva sólida e accesible para diferentes colectivos, con programas adaptados ás súas necesidades específicas. Os cursos impartiranse a través da aula virtual da EGAP e inclúen contidos específicos sobre prevención desde a perspectiva de xénero, reforzando o compromiso coa igualdade no ámbito laboral.
Con estas propostas, a Xunta continúa reforzando o acceso á formación en prevención de riscos laborais, tanto no tecido produtivo como entre a mocidade e no eido do tempo libre, apostando por unha Galicia máis segura, concienciada e preparada fronte aos desafíos da saúde laboral.

Curso básico de prevención de riscos laborais – Edicións T01, T02 e T03

Impúlsanse tres novas edicións do Curso básico de prevención de riscos laborais, cunha duración de 60 horas, das que 10 estarán dedicadas á perspectiva de xénero. O curso está dirixido a traballadores en xeral, persoas designadas para funcións preventivas de nivel básico, profesionais que precisen coñecementos neste ámbito e quen teña interese na seguridade e saúde laboral.
Os obxectivos son proporcionar as competencias necesarias para xestionar a prevención nos centros de traballo e capacitar os empresarios para asumir esta responsabilidade directamente. A inscrición estará aberta ata o 28 de agosto de 2025 ás 23:55, a través da plataforma da EGAP.

Curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre – Nivel básico

A segunda acción formativa está especificamente orientada ao ámbito do tempo libre, a xuventude e o voluntariado. Este curso, tamén de 60 horas de duración, impartirase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a EGAP, no marco do convenio EGAP-ISSGA, igualmente en modalidade de teleformación a través da aula virtual da EGAP.
Está dirixido á mocidade galega e a profesionais da información xuvenil e do tempo libre. Terán preferencia, por esta orde, quen conte cun título de monitor ou director de tempo libre, quen dispoña do Carné Xove e, finalmente, a orde de inscrición.
O programa, adaptado aos riscos específicos do sector, estrutúrase en seis módulos: conceptos básicos sobre seguridade e saúde, riscos xerais, riscos específicos en actividades de tempo libre, xestión da prevención, primeiros auxilios e perspectiva de xénero. O período de inscrición abrirase o 25 de agosto de 2025 ás 9:00 e pecharase o 5 de setembro de 2025 ás 23:55, tamén a través da web da EGAP.