A EOI anuncia no Día do Emprendedor de Galicia a vindeira posta en marcha de dez espazos de co-working na nosa terra

venres, 30 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Fernando Bayón Mariné, director xeral da Fundación EOI, na inauguración do Día do Emprendedor de Galicia

O Día do Emprendedor de Galicia que se está a desenvolver ao longo de todo o día de hoxe no Hotel San Francisco de Santiago foi inaugurado, contra ás 10.00 horas, polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e por Fernando Bayón Mariné, director xeral da Fundación EOI (Escola de Organización Industrial). Nos seus discursos Feijóo e Bayón coincidiron en reivindicar a afouteza das nosas emprendedoras e emprendedores, animando á colectivo galego de estudantes a seguir o camiño da innovación, a creatividade e a xeración de emprego. O director da Fundación EOI aproveitou para anunciar a creación na nosa terra de novos e innovadores emprazamentos de traballo (co-working).
Lembrar que o Día do Emprendedor de Galicia vén da man da Escola de Organización Industrial (EOI) e desenvólvese co epígrafe Obxectivo 3C: Crear, Consolidar e Crecer en 2016. Ao seu acubillo xúntase (arestora no Hotel San Francisco e nos seus diferentes espazos temáticos) arredor de medio milleiro de estudantes, emprendedores, empresarios e expertos en asesoramento de mercado.
Fernando Bayón abriu as actividades ás 10.00 horas recordando aos presentes que “falar de emprendemento” é falar ante todo de persoas valentes. Recordou tamén que pola Escola de Organización Industrial teñen pasado xa, tendo en conta o devandito, “50.000 valentes, ou sexa, 50.000 novos empresarios”. Un dos puntos máis importantes da súa intervención foi sen dúbida cando anunciou, da man da propia Escola, a vindeira posta en marcha de 45 novos espazos de co-working ao longo de todo o territorio estatal, dez dos canles estarán emprazados en Galicia (a partir do mes de febreiro de 2016). A iniciativa, desenvolvida na nosa terra en colaboración co IGAPE e a Xunta, dirixirase a favorecer o emprendemento innovador a través de novas fórmulas de traballo baseadas na colaboración e no intercambio de habilidades e coñecemento.
Pola súa banda, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou perante os novos emprendedores galegos “a perseveranza e a importancia de aprender dos erros como chaves do éxito empresarial”, amais de reiterar o apoio da Xunta aos emprendedores, ben impulsando directamente a súa actividade, ben eliminando o maior número posíbel de atrancos. “Os poderes públicos temos que estar presentes: en primeiro lugar, non estorbar; en segundo lugar, incentivar”, asegurou.
Feijóo sinalou que os emprendedores galegos teñen xa á súa disposición viveiros empresariais, aceleradoras, capital risco, mentores e business angels. Tamén fixo mención dos eidos nos que as Administracións públicas deben apoialos: na formación, no asesoramento, no acceso ao financiamento, no apoio á innovación e na internacionalización, pois “o mercado para as empresas galegas é o mundo”.

PUBLICIDADE