A EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo incorpora o robot Oz nos seus estudos agrícolas

martes, 4 de xuño do 2024 S. P.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo (USC) vén de fortalecer os seus estudos agrícolas coa incorporación de Oz, un trebello robótico que desenvolve traballos como sementar, plantar ou manter a raia as herbas que poden ser prexudiciais para os cultivos. O enxeño agrícola Oz, deseñado por Naio Technologies, incorporarase na docencia práctica nas materias da mención en agro-robótica do grao en Robótica e tamén en materias de mecanización no grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria. Grazas a esta novidade, sinala a USC, “a EPS de Enxeñaría convértese nun referente en estudos universitarios de robótica agrícola en todo o eido estatal”.
Este novo equipamento docente foi o primeiro robot fabricado por Naio Technologies, que comezou a traballar no seu desenvolvemento no ano 2014, polo que “posúe unha tecnoloxía madura e contrastada con máis de 68.000 horas de traballo real”, sinalan fontes do Campus lucense, engadindo que “na actualidade é un dos modelos comerciais de robots agrícolas con maior número de unidades en funcionamento, unhas 250 en todo o mundo”.
Oz é un robot de accionamento eléctrico que pode ser empregado para traballos de sementeira, plantación e monda mecánica de cultivos hortícolas principalmente. “Destaca o seu uso en control mecánico de malas herbas como alternativa aos herbicidas en explotacións de cultivo ecolóxico de cultivos hortícolas”, explica Javier Bueno Lema, profesor da EPS de Lugo na área de Enxeñaría Agroforestal. De feito, este é un dos traballos que comezará a realizar nos campos de prácticas da Escola.