A ESEI de Ourense celebra hoxe o seu cuarto foro de emprego

martes, 23 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe celébrase na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (UVigo) a cuarta edición do Foro de Emprego ESEI, unha cita referencial para xuntar baixo un mesmo teito e arredor das mesmas mesas de networking a contratadores e demandantes de emprego (empresas, por unha banda, e alumnado e egresados, pola outra) do ámbito das novas tecnoloxías da información e a innovación.
Segundo informa a escola, organizadora do evento, este ano contarase con máis empresas interesadas en dar a coñecer a súa actividade e a súa oferta de prácticas curriculares, extracurriculares e ofertas de emprego. Asemade, tamén participan activamente centros tecnolóxicos da nosa terra como o CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) ou Gradiant, que viaxa até Ourense para dar a coñecer o seu traballo e as súas ofertas de emprego e prácticas.
Estas son as empresas que confirmaron a súa participación: Avanti Servicios Informáticos, Arbentia Consulting, Bahía Software, Balidea Consulting & Programming, EDISA, Everis, GBTEC Software, Indra, Optare Solutions, Plexus, Qindel Formación y Servicios, Redegal, Televés, Teltek Video Research e Viewnext.

PUBLICIDADE