A ESEI de Ourense e Expourense convocan nova edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

luns, 11 de decembro do 2017 Redacción

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e Expourense veñen de pór en marcha unha nova convocatoria do seu certame conxunto dirixido a recoñecer a excelencia e o bo facer dos estudantes de ambas beiras da raia galego-portuguesa. Estamos a falar do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, edición 17, que ten por obxectivo “premiar os mellores traballos fin de estudos en informática e telecomunicación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. A iniciativa, unha ponte firme entre os campus e as empresas (levando potencial tecnolóxico dunha beira a outra), busca tamén “estimular a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial”. Nesta edición entregarase un total de 1.400 euros en galardóns.
Segundo informa a Universidade de Vigo (Campus de Ourense), o certame vén con dúas modalidades. A Modalidade A é para títulos en Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co eido das TIC. A Modalidade B é para títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación.
En cada categoría concederase un primeiro e un segundo premio, entregándose un total de 1.000 euros. Ademais, haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente dotado con 400 euros no que poderá participar alumnado das dúas modalidades. Por último, haberá un Premio do Público, consistente nunha estancia termal/turismo rural ou nun e-reader para o proxecto que consiga máis seguidores para a súa páxina informativa en Facebook.
Un xurado designado para a ocasión concederá os premios tendo en conta a calidade do proxecto (orixinalidade, dificultade e aplicabilidade social), se existe desenvolvemento de software libre e a súa aplicabilidade no eido da administración pública na súa relación cos cidadáns. O xurado reunirase o 13 de decembro de 2017 na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense nunha sesión na que os seleccionados nunha primeira valoración terán a oportunidade de expor os seus traballos. Tras esa exposición, coñeceranse os traballos gañadores desta edición e realizarase a entrega de premios e diplomas.

PUBLICIDADE