A ESEI de Ourense pon en marcha un novo proxecto formativo aberto á colaboración das empresas
xoves, 12 de decembro do 2019
A
Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense vén
de pór en marcha unha iniciativa para fortalecer a divulgación
tecnolóxica e centrala en áreas específicas que abran novas
xanelas creativas, laborais e empresariais. Estamos
a falar do proxecto DojoESEI, que ten como obxectivo, en palabras
da UVigo, “servir de espazo para profundar en tecnoloxías,
temáticas e ferramentas que completen a formación técnica do noso
alumnado”. A iniciativa, aberta ás persoas interesadas,
materializarase nunha sesión semanal na que se desenvolverá unha
charla ou obradoiro sobre algún foco de interese tecnolóxico
específico.
Segundo
explica a UVigo sobre a orixe do nome do proxecto, a palabra “dojo”
é orixinalmente o termo empregado en Xapón para designar ao espazo
destinado á práctica e ensino de meditación e artes marciais, un
termo que tamén se está a empregar no ámbito TIC para pór nome a
xuntanzas de programadores que durante unhas horas determinadas
traballan nun desafío de desenvolvemento. Segundo explica Francisco
Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría
Informática, “a idea do proxecto DojoESEI é buscar un espazo onde
se poida dar formación diferente e avanzada desde un punto de vista
tecnolóxico ao alumnado”, formación que pode abranguer
coñecementos concretos dunha ferramenta punteira ou intervencións
de profesionais do sector sobre algún tema de interese concreto.
O
proxecto, engaden desde a súa organización, apóiase na idea de
fomentar a colaboración coas empresas TIC, de forma que os seus
represenantes impartan charlas, talleres ou cursos sobre ferramentas,
tecnoloxías ou metodoloxías que empregan nas súas organizacións.
En DojoESEI tamén participará profesorado da propia escola ou
outras organizacións.
DojoESEI
nace baixo a organización da dirección da Escola Superior de
Enxeñaría Informática retomando a idea ESEI Dojos posta en marcha
no curso 2011/2012 por docentes deste centro e que consistía en
obradoiros de periodicidade mensual que permitían aos membros da
comunidade universitaria estar ao tanto das últimas novidades en
programación e tecnoloxía. Retomando este fío, a iniciativa asúmea
agora a dirección do centro.
Inicialmente,
a programación terá unha periodicidade semanal, aínda que
adaptábel segundo a dispoñibilidade das e dos relatores e do
calendario académico. Como aperitivo a esta programación, este
martes pola tarde, a escola acolleu a intervención de José Ramón
Blanco Echeverría, xerente en Minsait (Indra) e profesor do Máster
de Dirección Integrada de Proxectos das universidades de Vigo e
Coruña, que falou de desenvolvemento de aplicacións en equipo para
grandes empresas.