A ESEI entregou os premios do seu Hackathon de IA
mércores, 16 de abril do 2025
A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense entregou o pasado xoves 10 de abril os premios do seu Hackathon de Intelixencia Artificial, organizado polo grupo de investigación LIA2 Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada. A cita celebrouse nos días previos nas instalacións do centro e nela participaron 30 estudantes dos seus graos de Intelixencia Artificial e de Enxeñaría Informática, cubríndose todas as prazas dispoñíbeis.
A actividade forma parte do programa Grado2 que desenvolve a Escola Superior de Enxeñaría Informática co “obxectivo de achegar ao alumnado coñecementos complementarios ao currículo e de aplicabilidade directa ao sector empresarial”.
Desde a organización da competición salientaron “a excelente acollida da iniciativa por parte do alumnado e o bo aproveitamento que fixeron dela, pondo en práctica non só coñecementos técnicos senón habilidades como a creatividade, a rápida resolución de problemas e o traballo en grupo”.
Dous son os equipos gañadores deste Hackathon, acadando cada un deles un premio de 100 euros. Un dos equipos está formado polo alumnado do centro David Asensio, Lucas González e Santiago Rodríguez e outro por Javier Pérez, Sergio González e Lucas González. Ambos recibiron o pasado xoves 10 de abril os seus galardóns de mans de Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática.
O obxectivo do Hackathon de Intelixencia Artificial, indican desde a súa organización, foi que alumnado dos graos de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo puxese a proba as súas habilidades e competise en distintas probas relativas ao emprego de cámaras de acción e procesado automático de vídeos de aventura.
A xornada arrancou o venres 4 de abril coa presentación e posta en marcha da actividade no salón de graos da ESEI, onde se realizou a división por equipos e se explicaron as bases para a competición. Xa o sábado día 5, as e os participantes enfrontáronse a diversos desafíos divididos en varias fases: desde a configuración de hardware e a extracción de datos ata a complexa análise de imaxes e vídeos e o postprocesado. O reto foi desenvolver as solucións máis creativas e eficientes aplicando técicas de Intelixencia Artificial.