A ETSE da USC celebrou a súa festividade reivindicando os seus logros recentes
venres, 17 de abril do 2026

- Participantes nas celebracións da ETSE
- Imaxe de Santi Alvite
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría celebrou este xoves 16 a festividade do centro, Leonardo Da Vinci, que inaugurou a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta, Almudena Hospido, nun acto no que a directora da Escola, Julia González Álvarez, salientou a “moi significativa” etapa de crecemento que o centro está a vivir. Hoxe a ETSE, que reúne máis dun milleiro de estudantes, imparte once titulacións oficiais, tres graos e oito mestrados, destacaron.
“Este crecemento”, dixo a directora, “é un sinal da consolidación e do atractivo da nosa oferta formativa, pero tamén supón unha responsabilidade importante para seguir construíndo unha escola cohesionada e participativa”. A este respecto, puxo o foco no estudantado do centro, cunha participación “moi activa nos órganos de goberno, pero tamén máis alá destes espazos formais”.
Na inauguración interviñeron tamén a secretaria do centro, Nelly Condori Fernández, que leu a memoria de actividades da Escola no curso pasado; e o presidente da representación do estudantado da ETSE, Xián Núñez Carballido.
Aproveitando a celebración, inaugurouse cunha placa o novo nome do salón de actos da Escola, que pasa a chamarse Leonardo da Vinci “para así lembrar o espírito de curiosidade e innovación que queremos transmitir ao noso estudantado”, manifestou Julia González. Ademais, a directora anunciou que, a proposta da Comisión de Igualdade, dúas aulas levarán os nomes de Ada Lovelace, pioneira da computación e considerada por moitos como a primeira programadora da historia, e Nina Thornhill, investigadora recoñecida internacionalmente no ámbito da enxeñaría química e do control de procesos industriais.
O relatorio deste ano correspondeulle á directora do Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu e egresada de Enxeñaría Química da USC, Almudena Justo Martínez, e levou por título De moléculas a qubits: liderando a nova era da enxeñaría con HPC para IA e cuántica. Na súa charla falou dun ámbito tecnolóxico punteiro, no que converxen a computación de altas prestacións, a intelixencia artificial e a computación cuántica. Para a decana, “o seu exemplo ilustra ademais moi ben a versatilidade da enxeñaría química e como unha formación sólida en enxeñaría permite adaptarse e contribuír a campos moi diversos e en continua evolución”.
Como cada ano, no transcurso do acto tivo lugar a entrega dos premios que concede a escola: os Extraordinarios Fin de Carreira, a Mellores Expedientes, Mellores TFG e TFM, Calidade Lingüística de TFG e TFM, o Leonardo á Docencia e á Investigación, o Ángela Ruiz Robles á excelencia Docente e Investigadora, o Beatrice Alice Hicks ao estudantado máis comprometido coa participación universitaria, o VEOLIA ao mellor TFM no Máster en Enxeñaría Ambiental e o DXC ao mellor TFM no Máster en Tecnoloxías de Análise de Masivos: Big Data.
