A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol organiza a súa III Olimpíada Robótica o 12 de abril

luns, 4 de marzo do 2024 S. P.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) organiza en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña a súa III Olimpíada Robótica, un torneo dirixido a alumnado de ESO toda Galicia. A cita será o venres 12 de abril, de 9:30 a 14:00, no Campus Industrial de Ferrol e más no pavillón cuberto do Centro de Educación Infantil e Primaria de Esteiro. Ao longo da xornada, o alumnado participante dividirase en equipos de entre tres e seis persoas e terá que superar tres retos.
Estes desafíos son: un sigue liñas con obstáculos, a proba do varrendeiro e unha competición de sumo. No sigue liñas, o robot debe seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se interpoñan no seu camiño. Na proba do varrendeiro, o e alumnado terá que empregar algoritmos similares aos que empregan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede para varrer todos os obxectos do taboleiro. Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun cara a cara no que deberán expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo.
Os centros educativos interesados en participar na III Olimpíada Robótica deberán inscribirse antes das 14:00 do venres 8 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

PUBLICIDADE