A Escola Superior de Enxeñaría Informática celebra este sábado unha xornada de portas abertas
martes, 6 de xuño do 2023
As e
os estudantes interesados nas carreiras tecnolóxicas terán este
sábado 10 de xuño a oportunidade de coñecer en primeira persoa
a Escola Superior de
Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense, as súas
instalacións, titulacións e servizos. Será
na celebración da súa xornada de portas abertas, dirixidas a
futuro novo alumnado universitario e ás familias interesadas.
As
xornadas, que non requiren inscrición previa, comezarán ás 10.30 h
coa apertura de portas e visita libre ás instalacións desta escola,
situada no edificio Politécnico do Campus de Ourense. Continuará
cunha presentación do centro e das súas titulacións, especialmente
as de grao, cunha mesa redonda sobre as posíbeis saídas
profesionais destas carreiras e cunha quenda de rolda de preguntas
das persoas asistentes. Finalmente haberá unha visita guiada pola
escola. “Animamos ao novo alumnado e familias a achegarse o sábado
ata o noso centro para participar nestas xornadas e coñecernos
mellor”, sinalan desde a ESEI.
Segundo
lembran fontes da UVigo, na Escola Superior de Enxeñaría
Informática o futuro alumnado universitario pode escoller entre o
Grao de Enxeñaría Informática ou o Grao de Intelixencia
Artificial. O Grao de Enxeñaría Informática oferta case 150 prazas
de novo acceso, e forma profesionais “cunha completa formación
científica, tecnolóxica e socioeconómica, que os prepara para o
exercicio profesional no desenvolvemento e aplicación das
tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito da
informática”. Pola súa banda, o Grao de Intelixencia Artificial,
que oferta 50 prazas en primeiro, arrancou este curso 2022/2023.
Trátase dunha titulación interuniversitaria na que as materias dos
dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades (A Coruña,
Santiago e Vigo) e en terceiro e cuarto no Campus de Ourense
impártese a orientación en Sistemas de Información Intelixentes.
Este grao “proporciona a formación ampla, profunda e
multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e
que resulta imprescindíbel para construír con éxito os servizos e
aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan importante
nas nosas vidas a todos os niveis”.
Ademais,
na ESEI ofértase o programa conxunto dos graos de Enxeñaría
Informática e Administración e Dirección de Empresas, que permiten
ás e aos seus estudantes obter os dous títulos en seis anos. “Esta
formación combinada responde a una demanda moi concreta do tecido
empresarial actual, que busca profesionais que saiban desenvolverse
simultaneamente entre as decisións empresariais e as decisións
relacionadas cos investimentos e o seu desenvolvemento no ámbito das
TIC”, indican desde o centro. A oferta de titulacións desta escola
complétase cos estudos de Mestrado Universitario en Enxeñaría
Informática (que ten como obxectivo primordial a preparación de
profesionais altamente cualificados, capaces de planificar, deseñar,
dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos, procesos e
instalacións en todos os ámbitos da enxeñaría informática) e o
Mestrado Universitario en Intelixencia Artificial (tamén titulación
interuniversitaria posta en marcha este curso académico que se
presenta como “un programa completo para a formación de
profesionais e emprendedores nesta rama de coñecemento). Por último,
tamén se oferta o programa de doutoramento en Sistemas de Software
Intelixentes e Adaptábeis.