A Escola de Enxeñaría Informática de Ourense amosa as vantaxes de facer un sistema ERP a medida

martes, 11 de xullo do 2017 Redacción

Os sistemas de planificación de recursos empresariais, os ERP, foron en boa medida os protagonistas dunha xornada celebrada hoxe na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense. A sesión contou coa presenza de Emilio Estévez, director xerente de Coplant Galicia, empresa estatal referente en comercialización de plantas ornamentais vivas. Estévez achegou a súa visión particular dos detalles da implantación dun ERP nunha compañía (no seu caso, Coplant) e, tamén, subministrou datos sobre a longa e frutífera relación que manteñen dende 2010 a empresa que representa e os do Laboratorio de Informática Aplicada Lia2, con sede na ESEI. Froito deste traballo conxunto a entidade conta na actualidade cun sistema tecnolóxico de xestión da información que lle permite dar resposta ás súas necesidades internas e externas.
Segundo explicou Francisco Javier Rodríguez, un dos investigadores que participa nos proxectos con Coplant (e director tamén da Escola Superior de Enxeñaría Informática que organizou a conferencia), a relación con esta empresa naceu a través dun proxecto de “intelixencia de negocios” no que se evidenciou “como a empresa necesitaba mellorar toda a súa parte de tecnoloxía”. O seguinte paso, sinalou, foi “detectar cun equipo de traballo máis amplo as necesidades que tiña de ferramentas tecnolóxicas tendo en conta as súas características” e deseñar un sistema integrado, “subindo de nivel tecnolóxico a compañía”. Como resultado da experiencia adquirida, indicou Rodríguez Martínez, investigadores do grupo que participaron no proxecto crearon unha empresa tecnolóxica para ofrecer este e outros servizos tecnolóxicos.
Pola súa banda, o director xerente da empresa Coplant Galicia explicou como ao longo dos proxectos levados a cabo co grupo Lia2 el e máis a súa equipa traballaron a integración da información e a tecnoloxía. Tamén fixo saber que a día de hoxe a firma que representa ten unha facturación anual superior aos seis millóns de euros e xera emprego director a arredor de 150 persoas, sendo o primeiro empregador do Concello de Tomiño, onde ten a súa sede. Asemade, fixo saber que Coplant comercializa tanto no eido estatal coma no principais mercados europeos: Francia, Reino Unido, Alemaña, Holanda, Bélxica, Portugal, Italia e Dinamarca.
O obxectivo nos proxectos desenvolvidos entre os membros de Coplant Galicia e os investigadores do Campus foi a integración do sistema dos produtores, do sistema de comercializadores e o da propia empresa, de xeito que os tres estiveran integrados nun único sistema. Deste xeito, detalla, se un cultivador dá de alta unha planta no sistema, esta xa se pode comercializar en calquera dos seus puntos. Ademais, explica, na posta en marcha deste deseño de xestión da información e recursos tamén se tivo en conta a páxina web da entidade e a venta a través dela.

PUBLICIDADE