A Escola de Nais e Pais do IES Val do Tea de Ponteareas afonda coas familias dos riscos na Rede

martes, 16 de abril do 2024 S. P.

A Escola de Nais e Pais do IES Val do Tea de Ponteareas vai acoller esta semana unha nova charla do programa Navega con Rumbo da Consellería de Educación e Cultura e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A actividade encádrase no programa de actividades da Escola, que ten o obxectivo de “achegar ás familias recursos para mellorar a relación materno/paterno filial e ferramentas para afrontar dun xeito máis efectivo as problemáticas actuais na adolescencia”.
Así, logo da primeira charla de Navega con Rumbo que se celebrou os días pasados con gran éxito de participación, chega unha segunda sesión este mércores día 17. Será ás 18:30 horas no salón de actos e estará aberta a toda a comunidade educativa con fillas e fillos en secundaria.
“Do mesmo xeito que o profesorado do noso centro educativo se forma a través dos centros de formación e recursos da Xunta e se deseñan e imparten charlas e obradoiros para o alumnado, cremos que pode ser útil e moi importante abordar coas familias e da man de expertos temas de interese para o benestar do alumnado”, explica Isabel Calvelo, xefa de estudos dos IES Val do Tea.
A xornada inaugural celebrada no mes de marzo abordou cuestións sobre intelixencia emocional baixo o título Intelixencia emocional: Navegar sen naufragar no mar das emocións dos adolescentes. As familias asistentes puideron afondar na xestión do estrés, de como afrontar a ansiedade e a frustración, os medos e inseguridades e a mellora da autoestima. Fixérono da man da psicóloga e pedagoga Luciana Maccio Pennisi “porque son as persoas expertas e que nos poden dar outra visión, outra estratexia e mesmo consideracións que nos axuden a entendelos, a detectar, a previr e a acompañalos nesta etapa da vida”.
A dirección do centro educativo considera indispensábel a implicación das nais, pais ou titores na obtención de formación, consellos e coñecementos que “axuden a educar á mocidade e recomendan seleccionar moi ben as fontes das que obter a información ao existir, hoxe en día, un amplo abano de datos e contidos que, ás veces, non están documentados por profesionais”. Por este motivo, o centro educativo adianta que seguirá investindo esforzos e deseñando accións que axuden á comunidade educativa e animan ás nais e pais a participar porque son piares da crianza das súas fillas e fillos.
Ante o interese das familias, ENAPAS xa ten programada para o 15 de maio o terceiro dos encontros.