A Escola de Telecomunicación e AtlantTIC promoven o seu importante potencial formativo e investigador

mércores, 3 de xuño do 2020 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de novas tecnoloxías AtlantTIC, ambos con sede na Universidade de Vigo, veñen de xuntar forzas para promover a súa actividade formativa e investigadora. Baixo o lema Máis preto que nunca do teu futuro, a iniciativa conxunta de promoción baséase en dous feitos de gran relevancia para o presente e o futuro dos telecos: por unha banda as posibilidades (amplas, variadas e eficaces) das telecomunicacións para loitar contra a sanitaria e económica da COVID-19, e, pola outra, a necesidade urxente de dixitalizar as nosas vidas (os nosos hábitos comunicativos, docentes, empresariais...) para afrontar na mellor situación posíbel calquera nova crise que se aproxime.
A iniciativa pon o foco en impulsar e visualizar o grao e os mestrados da dita Escola nun “momento crucial para as telecomunicacións como axentes chave na actual transformación da sociedade”. A actividade conxunta coincide ademais co centenario dos estudos de Enxeñaría de Telecomunicación en España, sendo a Escola da Universidade de Vigo a terceira en crearse no ámbito estatal despois das escolas das universidades politécnicas de Madrid e Cataluña, un carácter referencial e pioneiro que segue a manter na actualidade, posto que ocupa o cuarto posto na clasificación de Shanghái sobre as universidades da Península no ámbito das telecomunicacións.
AtlantTIC, referente europeo
A actividade de promoción pon o punto de mira nun dos grandes froitos da Escola: a creación e consolidación de AtlantTIC, prestixioso centro europeo de investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación, dende o que abrolla unha constante actividade científica na que participan máis de 160 profesionais. AtlantTIC dirixe e colabora, nestes intres, en varios proxectos do programa Horizonte 2020, da Unión Europea. A súa actividade científica enmárcase no ámbito da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.
130 prazas
Ademais do grao de Enxeñaría de Telecomunicación, que oferta 130 prazas para novos estudantes con estudos en castelán/galego e 20 prazas para o grupo en inglés, a Escola imparte catro mestrados: Enxeñaría de Telecomunicación, Ciberseguridade (en colaboración coa Universidade de A Coruña), Matemáticas Industriais (con varias facultades) e o novo mestrado en Visión por Computador (coas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Porto). Tamén conta co programa internacional de doutoramento DocTic, promovido pola Escola de Enxeñería de de Telecomunicación e AtlantTIC, co obxectivo de “xerar investigación de calidade e impacto internacional”.