A Escola de Verán de ESF Galicia vén este mes de xullo cunha ducia de obradoiros tecnolóxicos

venres, 20 de xuño do 2025 S. P.

A comunidade ESF Galicia organiza este verán un completo programa de obradoiros tecnolóxicos gratuítos (Escola de Verán de ESF Galicia) que buscan achegar lecer estival ás novas xeracións (e tamén ás non tan novas) ao tempo que se lles subministran coñecementos tecnolóxicos de gran utilidade. Trátase de talleres gratuítos de introdución a diferentes ferramentas ou proxectos libres que son de uso común na comunidade ESF (Enxeñería Sen Fronteiras Galicia).
Non será preciso termos coñecemento sobre a materia a tratar, son todos talleres introdutorios. Desenvolveranse do 7 ao 11 de xullo na aula do Laboratorio de Ciencia de Materiais da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC.
A axenda inclúe as seguintes actividades formativas:
01 – Blender
Data: 7 de xullo
Hora: 12.00 a 14.00
Charla para comezar sen dor no complexo mundo do modelado 3D, a aplicación de materiais, a iluminación e o renderizado, da man duns dos proxectos de código aberto de maior éxito.
02 – Emacs: un tour guiado
Data: 9 de xullo
Hora: 12.00 a 14.00
Neste mini-taller coñeceremos o editor de texto Emacs. Revisaranse os compoñentes fundamentais do editor, os comandos básicos de Emacs e as funcionalidades básicas incluídas “de serie”. Entre elas o mítico org-mode. Tamén se lle botará unha ollada ás posibilidades funcionais máis avanzadas sen entrar na sua configuración detallada.
03 – FreeCAD: Presentación da ferramente libre de deseño 3D
Data: 7 de xullo
Hora: 16.00 a 18.00
Nesta charla proporase un achegamento a FreeCAD, a ferramenta libre de deseño 3D. Deseñaranse un par de pezas sinxelas para ver o fluxo de traballo básico e tamén revisaranse algún dos bancos de traballo dispoñibles. Por último miraranse os recursos de aprendizaxe que hai na Rede.
04 – Robótica co robot Saponconcho XL
Este obradoiro consta de dúas sesións:
– A primeira dedicada á montaxe mecánico da estrutura do robot e máis a circuitería do mesmo (sen soldadura).
– Na segunda sesión aprenderase a programar o robot usando o IDE Arduino.
Data: 11 de xullo
Hora: 11.00 a 14.00 (montaxe do robot) e de 15.30 a 18.30 (programación do robot)
05 – Fotografía RAW con Darktable
Data: 9 de xullo
Hora: 16.00 a 18.00
Obradoiro sobre uso da aplicación Darktable para edición de fotografías RAW e consellos sobre fotografía e retoque fotográfico.
06 – Modificación de antenas para LoRa e Radioafición. Construción de antenas dipolo.
Data: 10 de xullo
Hora: 12.00 a 14.00
Aprenderase a usar o analizador NanoVNA para a medición de parámetros de antenas e a súa creación e optimización.
07 – Como mellorar a accesibilidade dos teus contidos multimedia e ofimáticos
Data: 8 de xullo
Hora: 12.00 a 14.00
Consellos sobre a optimización dos nosos contidos (textos, webs, vídeos, imaxes) no apartado da mellora da accesibilidade.
08 – GIMP: Introdución ás ferramentas e funcións esenciais para a manipulación de imaxes
Este taller abrangue conceptos fundamentais como a xestión de capas, a selección e edición de imaxes, a aplicación de filtros e efectos e a creación de imaxes desde cero. Os participantes aprenderán a usar a interface de GIMP, familiarizaranse coas ferramentas de edición e retoque e crearán composicións visuais sinxelas.
Data: 8 de xullo
Hora: 16.00 a 18.00
09 – Ofimática libre con LibreOffice
LibreOffice: Un paquete de oficina gratuíto e de código aberto que ofrece ferramentas para crear e editar documentos, follas de cálculo, presentacións e moito máis, con formatos de ficheiro e unha interface intuitiva.
Aprenderemos sobre os diferentes compoñentes principais e, ao final, poderás xestionalos, como: Writer, Impress e Draw.
Data: 10 de xullo
Hora: 16.00 a 18.00
10 – Penpot, HTML, CSS e JavaScript básico
Neste curso deseñarase e desenvolverase unha páxina web sinxela, apoiado en software de código aberto como Penpot, VSCode e Firefox / Chromium.
Darase unha pequena introdución teórica a cada tecnoloxía por separado e despois pasarase a deseñar e desenvolver unha páxina sinxela que mostre contido servido por unha Api Rest.
Data: 8 de xullo
Hora: 18.00 a 20.00
11 – Iniciación a Docker en GNU/Linux
As persoas participantes coñecerán as tecnoloxías de contedores e a súa importancia para integralas no seu proceso de administración de sistemas.
Docker, para quen non o saiba, é unha das solucións máis solicitadas para levar a cabo as implantacións de servizos na nube. Ao rematar o taller, as persoas participantes terán os coñecementos necesarios para a xestión de contedores Docker nun entorno de servidor GNU/Linux.
Data: 9 de xullo
Hora: 18.00 a 20.00
12 – Radio Afección: do analóxico ao dixital da man da ciencia e a tecnoloxía
Un repaso ás tecnoloxías que fixeron medrar o hobbie e as prácticas que os modos que utilizamos, con Xavi do podcast CQ en frecuencia.
Data: 10 de xullo
Hora: 18.00 a 20.00
13 – OpenStreetMap (OSM): Un achegamento ao maior proxecto de creación e mantemento dunha base de datos xeorreferenciados a nivel global
Tras unha introdución na cal falarase da historia e do estado actual do proxecto, exporanse as diferencias entre este proxecto colaborativo e aberto fronte a alternativas privadas e opacas.
Por último farase un repaso das principais ferramentas para engadir información á base de datos, así como das que empregan esta para construír diferentes mapas, saíndo desta charla sabendo de que forma cada persoa pode aportar e empregar OSM no seu día a dia.
Data: 7 de xullo
Hora: 18.00 a 20.00