A Estrada colabora co Proxecto Nós para achegar voces galegas á Intelixencia Artificial

martes, 5 de novembro do 2024 S. P.

O Concello da Estrada presentou esta semana a súa participación no Proxecto Nós para afianzar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, impulsado pola Universidade de Santiago e a Secretaría Xeral da Lingua e actualmente de xira polos nosos concellos ao abeiro dunha iniciativa para facer posíbel, con doazóns particulares de voces dunha chea de persoas de toda a xeografía galega, que asistentes virtuais intelixentes como Siri e Alexa poidan falar e entender plenamente a nosa lingua e as súas variantes. A Estrada acollerá a súa particular colleita de voces o vindeiro 19 de novembro na Aula CeMIT.
Estes e outros datos foron compartidos pola concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e o edil de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, nun acto no que debullaron a actividade de captación de voces.
O concello da Estrada foi elixido para este programa xunto con 15 municipios máis de toda Galicia. As persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo doaatuavoz@aestrada.gal, onde deberán figurar o nome e os apelidos da persoas interesadas en contribuír ao proxecto, máis o número de teléfono de contacto.
A xornada dividirase en dúas quedas. A primeira será de 10.00 a 14.00 horas, e a segunda irá dende as 16.00 ás 20.00 horas. Do mesmo xeito, partiranse as gravacións en bloques de 30 minutos cada un.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós busca garantir que o galego forme parte dos avances dixitais, desenvolvendo ferramentas tecnolóxicas que permitan a interacción na nosa lingua, tanto de forma oral como escrita.
Entre os obxectivos do proxecto, inclúese a creación de sistemas de recoñecemento de voz, síntese de fala, tradución automática e asistentes virtuais que "entendan" e "falan" galego. Isto permitiría, por exemplo, que os galegofalantes puidesen dar ordes en galego a dispositivos como o GPS, asistentes virtuais como Siri ou Alexa, ou ditar textos de maneira fluída.
Para lograr isto, cómpre recoller unha gran cantidade de audios en galego, que serán utilizados para adestrar os sistemas de IA. A recollida de voces farase tanto en liña, a través da plataforma Doa Galego, como de maneira presencial en distintos concellos galegos, entre os que se incluíron (os días pasados) Ribeira e Muros.