A Estratexia Dixital de Galicia 2030 celebra en Compostela o seu foro

martes, 2 de xullo do 2019 Redacción

Profesionais do ámbito educativo, sociosanitario e cultural, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe en Santiago as liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edeg2030) para aplicar a tecnoloxía aos retos en torno á educación, a saúde, o benestar e o ámbito cultural.
O segundo dos foros de debate da edeg2030 céntrase nas posibles aplicacións das tecnoloxías dixitais para implantar novos modelos educativos e formativos, para mellorar e protexer a saúde ao longo de todo o ciclo vital e para dinamizar o patrimonio e a produción cultural e turística.
É a segunda xornada de debate para a elaboración da edg2030 e foi inaugurada esta mañá pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Mar Pereira sinalou que no proceso de elaboración da edg2030, ademais da colaboración do sector tecnolóxico, terán un papel chave outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico. Neste sentido, Pereira, quixo recalcar que, a aplicación das tecnoloxías disruptivas ten un importante potencial para o desenvolvemento económico pero tamén implica enfrontarse a importantes dilemas éticos, que precisa dun enforque multidisciplinar.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, abundou na necesidade do enfoque multidisciplinar da edg2030, sinalando que «detrás das novas tecnoloxías temos que ver as humanidades». En canto aos retos inmediatos no ámbito da educación apuntou, entre outros, que é preciso «facer un esforzo para eliminar a fenda dixital nos estudos STEM e para incrementar o número de graduados nestes estudos» cunha alta demanda laboral.
Na xornada de hoxe participaron tamén o director Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o Director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia,
David Piñeiro; o director de Innovación da Axencia de Coñecemento en Saúde, Alfonso Ribas; o director Xeral Maiores e Persoas con Discapacidade, lldefonso de la Campa; o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; o subdirector Xeral de Servizos Sociais e Xestión Económica, Carlos Santos; o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín Lorenzo e o director de Innovación e Negocio de Radio Televisión de Galicia, José Pereira.
Estes Foros de Debate, organizados pola AMTEGA en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital para a vindeira década.
En total, esta semana celebraranse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da AMTEGA, así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.

Obradoiros en torno a catro temas

Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo están a facer as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.
A edg2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

PUBLICIDADE