A Experiencia PassVRord da Deputación de Lugo e o INCIBE dispoñíbel na praza de San Marcos
martes, 25 de xuño do 2024
A Deputación de Lugo xunto ao Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) habilitou dende este martes 25 de xuño e ata o sábado, 29 de xuño ás 15:00 horas, unha carpa situada na praza de San Marcos na que se están a realizar diferentes actividades relacionadas coa ciberseguridade: a carpa Experiencia PassVRord.
A este espazo poden acceder de xeito gratuíto todas as persoas que o desexen a partir dos 14 anos de idade en horario de 10:00 a 14:30 horas en xornada de mañá, e de 17:00 a 20:30 horas, en xornada de tarde.
O obxectivo desta Experiencia PassVRord é “fomentar o uso correcto das novas tecnoloxías a través de xogos e experiencias lúdicas”. Con esta finalidade, establécense tres zonas, un primeiro espazo informativo no que os participantes poden informarse sobre os diferentes servizos que desenvolve o INCIBE (a sociedade dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública); unha segunda zona explicativa na que coñecerán a dinámica da actividade e, por último, o espazo de xogo, que estará baseado nun escape room e os participantes deberán resolver desafíos relacionados coa ciberseguridade empregando lentes de Realidade Virtual.
A actividade terá unha duración duns 30 minutos aproximadamente e poderán participar ata un máximo de 10 persoas por xogo.