A FCC certifica por primeira vez unha solución de carga sen fíos a distancia

mércores, 27 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Levamos moitos anos facendo os nosos dispositivos electrónicos cada vez máis libres de fíos, pero cando se trata de achegar corrente eléctrica as solucións que empregamos non dan a liberdade que perseguimos, xa que precisan de contacto para a transferencia de carga por indución, o que Energous quere converter en cousa do pasado grazas á súa tecnoloxía de carga sen fíos a distancia, que vén de recibir certificación da Comisión Federal de Comunicacións (FCC) dos EE.UU., sendo a primeira solución deste tipo en conseguir tal autorización, o que supón un importante salto adiante para o fogar conectada, a Internet das Cousas e os dispositivos móbiles.
Os produtos que recibiron a certificación da FCC son os transmisores WattUp de campo medio, que envían carga a distancia a dispositivos empregando radiofrecuencia, que poden considerarse así axustados aos requisitos de regulamento e seguridade, estando así máis preto de incorporarse en produtos de consumo.
O sistema de Energous certificado pode alimentar varios dispositivos electrónicos até a un metro de distancia ou mediante contacto, incluíndo tamén compatibilidade coa carga rápida tan frecuente agora en smartphones e tabletas, e opera seguindo unha norma que busca garantir a interoperabilidade entre receptores e transmisores, de xeito que poderá haber distintos fabricantes que adopten esta tecnoloxía nos vindeiros anos para facer unha realidade o soño de librar a tecnoloxía do noso día a día de cables.
A autorización da FCC é só un fito para esta tecnoloxía que continuará a evolucionar para mellorar en potencia, distancia, eficiencia e escala, de xeito que nun futuro poderemos ver como se agocha no marco de monitores de ordenador, en altofalantes, televisores e moitos outros produtos de electrónica de consumo, resultando case invisible.
Energous levará esta tecnoloxía ao seu expositor no CES de Las Vegas entre os días 9 e 12 de xaneiro, no que promete ser unha das solucións que máis captará a atención dos medios por ser todo un adianto do futuro.

Vídeo promocional das solucións WattUp de Energous

PUBLICIDADE