A FECYT selecciona como exemplo de práctica innovadora o proxecto Incrúst@te da UDC

martes, 20 de abril do 2021 S. P.

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) vén de seleccionar unha iniciativa tecnolóxica da Universidade da Coruña como exemplo de práctica innovadora. Trátase do proxecto Incrúst@te, programa de divulgación científica para estudantes de Secundaria e Bacharelato no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC.
A Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) vén de publicar a oitava edición deste catálogo, o cal reúne as mellores 15 prácticas innovadoras presentadas en 2017 á convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.
Na devandita convocatoria, a FECYT recibiu un total de 645 solicitudes, das cales 205 acabaron sendo financiadas, Incrúst@te entre elas. A FECYT desenvolveu a plataforma Divulgateca para permitir a consulta das fichas técnicas de todos os proxectos financiados.
A contribución do CICA
O proxecto Incrúst@te nace en 2017 co obxectivo de introducir estudantes na carreira investigadora a través dunha serie de visitas e estadías curtas, onde os mozos e as mozas entran en contacto con investigadores e investigadoras do CICA. Cada ano, o centro de investigación recibe unha media de 250 estudantes con idades comprendidas entre 14 e 17 anos. Durante a visita, coñecen a dinámica de traballo nun centro de investigación, e en particular as liñas desenvolvidas no CICA. Na seguinte fase, selecciónanse 16 estudantes que gozan dunha estancia curta nun dos grupos de investigación, a cal culmina coa elaboración dun póster e a participación no seu primeiro congreso científico. Na última fase de Incrúst@te, os 4 mellores estudantes, seleccionados en base ao aproveitamento da súa primeira estadía e ao interese científico mostrado, realizan unha segunda estancia de 2 semanas para levar a cabo o seu propio proxecto de investigación.
A UDC lembra que “son moitos os centros de estudos galegos que xa participaron no proxecto”, o cal conseguiu establecerse como unha actividade altamente demandada polo alumnado de secundaria da provincia da Coruña.
Incrúst@te foi realizado en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en 2017 e 2018, a través de dúas convocatorias consecutivas de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. O proxecto tivo continuidade a partir de 2019 grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE