A FEGAMP contribuirá un ano máis a potenciar a capacitación dixital a través da Rede CeMIT

luns, 11 de febreiro do 2019 Redacción

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) colaborarán por sexto ano consecutivo para facilitar que a capacitación dixital pública e de balde chegue a todos os galegos a través das actividades da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de aulas de aulas (CeMIT) tal e como recolle o convenio que vén de asinar a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a AMTEGA e a FEGAMP para xestionar a subvención, entrega e distribución dos fondos públicos ás entidades locais para realizar actividades dixitais, a través da Rede CeMIT.
Ao longo do ano 2019 a AMTEGA destinará máis de 1,5 millóns de euros a desenvolver actividades do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 nas aulas da rede CeMIT, así como ao mantemento das infraestruturas dos centros e a mellora das ferramentas de xestión.
En concreto, achegarase ás entidades municipais a través da FEGAMP 789.522 euros para realizar actuacións en materia de inclusión dixital nas 64 aulas CeMIT consideradas de referencia. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha subvención de 15.000 euros e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251 euros.
Pola súa banda, a FEGAMP continuará prestando un papel fundamental como canle de comunicación coas entidades locais galegas e será a encargada de transferirlles as correspondentes subvencións.

PUBLICIDADE