A FIC acolle esta semana un congreso internacional con especialistas en software industrial: SPLC 2025

martes, 2 de setembro do 2025 S. P.

A Facultade de Informática da UDC (FIC) acolle durante toda esta semana a International Software Product Line Conference (SPLC 2025), congreso internacional no que especialistas de diferentes países analizarán a investigación e aplicación industrial das liñas de produto software, un enfoque clave para o desenvolvemento de sistemas complexos.
Ao longo dos cinco días, o programa inclúe conferencias sobre eidos tan de actualidade como a forma na que a Intelixencia Artificial pode axudar a deseñar e mellorar sistemas informáticos complexos, como optimizar o seu rendemento e como facer unha adaptación ás distintas necesidades de xeito máis sinxelo.
Presentaranse tamén exemplos de uso en ámbitos moi diversos, desde a agricultura intelixente ata a mercadotecnia dixital ou a automoción, amosando o impacto que estas tecnoloxías teñen xa en sectores clave da nosa economía.
O programa científico abrangue 46 contribucións, que se distribúen entre relatorios de investigación, casos de aplicación industrial, artigos de relevancia previamente publicados, o simposio doutoral, sesións de demostracións e ferramentas, titoriais e obradoiros especializados.
A Coruña recolle a testemuña de Luxemburgo, sede da pasada edición desta cita internacional, que xurdiu da fusión de dous eventos anteriores: a SPLC (que comezou en 2000 en Estados Unidos) e a Product Family Engineering (PFE, que comezou en 1996 en Europa).
No marco deste congreso, persoal investigador e docente así como fabricantes e deseñadores analizan nun mesmo evento liñas de software e produto desde diferentes prismas.