A FIC acolle este martes un obradoiro de Altia sobre o tratamento de datos na nube

luns, 27 de novembro do 2023 S. P.

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá mañá martes, día 28 de novembro, ás 17.30 horas, na aula 3.4 do centro, un obradoiro presencial que leva por título Datos en Cloud. Evolución e vantaxes da información na nube, organizado pola empresa local Altia ao abeiro do programa formativo Altia Tech Day.
O evento contará coa participación de Paula Fernández, desenvolvedora de Business Intelligence na empresa Altia.
Altia Tech Day é un programa de workshops no que as e os integrantes da firma tecnolóxica, un dos grandes referentes galegos e estatais do sector, fan chegar o seu coñecemento en tecnoloxías avanzadas aos futuros profesionais do sector, co obxectivo de potenciar o talento e completar a formación en tecnoloxías innovadoras e disruptivas coas que traballan na actualidade. O formato destes obradoiros consiste no desenvolvemento de sesión formativas impartidas por persoas empregadas en Altia, e vai dirixido ao alumnado de diferentes entidades educativas, entre eles a Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE