A FIC acolle este sábado a segunda edición da First Lego League de Galicia

xoves, 18 de febreiro do 2016 Redacción

Os estudantes do CPI A Xunqueira, gañadores na edición 2015 do certame co seu Xunqueirobot

Xa o avanzamos os días pasados dende Código Cero pero non está de máis lembralo dada a importancia da cita prevista: a Facultade de Información da Universidade da Coruña acollerá este sábado 20 a partir das 9.00 horas a segunda edición da edición galega da First Lego League. O evento, como lembraremos, vén da man da Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica. A vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, inaugurará a FLL ás 10:00 horas no salón de actos. No mesmo lugar, o reitor, Julio Abalde, participará na entrega de premios ás 13:45 horas.
Como dixemos, a First Lego League é un concurso dirixido “a espertar entre a xente nova a curiosidade e o interese pola ciencia, a tecnoloxía e o traballo en equipo”. Nel establécense dúas categorías de participación, de 6 a 9 anos, e outra de 10 a 16 anos. Os maiores entrarán en fase de concurso co deseño, construción e programación dun robot feito coas pezas de Lego que deberá superar unha serie de probas nun circuíto idéntico para todos os equipos participantes. Ademais deberán realizar un proxecto científico.
O desafío para esta segunda edición (a primeira organizouse o pasado curso no Campus de Ferrol), é o Trash Trek, e que segundo informa a organización e reflicte a UDC consiste en achegar solucións para mellorar a xestión dos refugallos. O equipo gañador do torneo representará a Galicia no campionato estatal que este ano celébrase durante os días 12 e 13 de marzo, en Girona. “A valoración”, engade a UDC, “terá en conta tanto a consecución dos obxectivos propostos como a creatividade demostrada, a presentación das solucións desenvolvidas e a posta en práctica dos valores perseguidos na FLL”.
Amais do devandito e de maneira complementaria e paralela á competición, desenvolverase a liga First Lego League Junior, para rapaces e rapazas de 6 a 9 anos, co propósito de alimentar a súa curiosidade científica “e achegalos dunha forma divertida ao mundo da ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas e a enxeñería, sen o carácter competitivo da FLL dos maiores”.

PUBLICIDADE