A FIC acollerá a Olimpíada Informática Galega o vindeiro 6 de febreiro

luns, 12 de xaneiro do 2026 S. P.

A Facultade de Informática da UDC acollerá a Olimpíada Informática Galega 2026 (OIG 2026), que se celebrará o vindeiro 6 de febreiro. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades públicas galegas: Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo).
A OIG está destinada a estudantes de centros públicos, concertados ou privados de Galicia, matriculados no curso 2025/2026 en secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio e que sexan menores de 20 anos. O seu obxecto é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática, tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.
A preinscrición para participar na Olimpíada Informática Galega estará aberta ata o vindeiro 23 de xaneiro, a través dun formulario habilitado na web da OIG.
O número máximo de participantes será de 40. No caso de que o estudantado preinscrito supere ese número, a selección das 40 persoas participantes realizarase por orde de preinscrición. Neste caso, a listaxe de persoas seleccionadas e a lista de agarda darase a coñecer o 26 de xaneiro.
A olimpíada celebrarase de xeito presencial o venres, 6 de febreiro, na FIC, en horario de 15:30 a 20:30 horas.
A competición consistirá na resolución de entre seis ou oito problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. En caso de empate, terán prioridade os participantes de edicións anteriores en orde de clasificación e, en caso de empate, por orde de preinscrición.