A FIC da UDC acolle este venres unha conferencia de Ignasi Belda, director da AESIA
xoves, 2 de outubro do 2025
Este venres 3 de outubro ás 10.00 horas o Salón de Actos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá a conferencia de Ignasi Belda, director xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). Un relatorio organizado pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes baixo o título AI que regulala?, no que analizará o reto que temos para facer compatible a innovación e a seguridade xurídica no ámbito da IA.
O acto, que será inaugurado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, contará coa presentación da directora da Cátedra, Verónica Bolón, a cal manifesta a súa satisfacción por ter a ocasión de contar con Belda entre as persoas expertas convidadas no marco da Cátedra: “O ciclo de conferencias da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes é un dos eventos máis importantes que realizamos, xa que permiten que o noso alumnado e calquera persoal externo goce do coñecemento de grandes expertos do ámbito dos algoritmos verdes”.
“Despois de ter recibido a relatores que nos falaron de como medir as emisións de CO2 dos algoritmos ou da posibilidade de levar centros de datos ao espazo, nesta ocasión temos o pracer de contar co director da AESIA”, explicou Bolón, engadindo que “un dos principais obxectivos da AESIA é a regulación dos aspectos técnicos do uso da IA en diferentes sectores, e isto encaixa completamente coas liñas de investigación da Cátedra, a cal busca desenvolver algoritmos verdes e promover a sustentabilidade no sector da IA e nos distintos sectores de aplicación dos algoritmos desenvolvidos”.
No seu relatorio, Belda poñerá o foco no Regulamento Europeo de Intelixencia Articicial (AI ACT), o primeiro marco normativo integral de todo o mundo que regula o desenvolvemento, a comercialización e o uso dos sistemas de IA en función do seu nivel de risco. O obxectivo desta normativa é “garantir que este tipo de tecnoloxías se despreguen dun xeito seguro e teñan en conta os dereitos fundamentais, promovendo unha innovación responsable”.
Ao longo da xornada tratarase de ofrecer unha explicación do regulamento, centrándose nas categorías de risco, as obrigas para provedores e usuarios e o impacto en diversos sectores.
Tamén se abordará o papel da AESIA como o organismo clave na súa aplicación en España, intentando facilitar a comprensión e o debate sobre esta regulación tan decisiva para o futuro da IA en Europa.
Ignasi Belda
Ignasi Belda é doutor en IA aplicada ás Ciencias da Vida e en Dereito da Ciencia e a Tecnoloxía. Ademais de ser director da AESIA, é fundador de seis compañías internacionais, e dirixiu o Parc Cientific de Barcelona entre os anos 2016 e 2018. Foi recoñecido pola súa traxectoria co Premio Príncipe de Xirona no ano 2014 e co Catalyst da Academia Americana de Medicina en 2010.
