A FIRST LEGO League celebrará a súa grande final estatal en Ferrol

mércores, 26 de marzo do 2025 Redacción

O Campus Industrial de Ferrol acollerá o vindeiro sábado a partir das 9:00 a grande final nacional da FIRST LEGO League, evento organizado pola Universidade da Coruña e a Asociación Ingenier@Soy, e coordinado polo profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, José Antonio Becerra Permuy. O encontro, no que participarán máis de 700 mozos de entre 10 e 16 anos repartidos en 56 equipos poderá seguirse a través de YouTube.
As aulas da Escola Universitaria de Deseño Industrial e da Facultade de Humanidades e Documentación servirán de escenario para a presentación dos Proxectos de Innovación, mentres que o Xogo do Robot terá lugar no Pavillón de Esteiro e a entrega de premios, xa pola tarde, celebrarase no Auditorio de Ferrol. Ao igual que na FIRST LEGO League Galicia, o evento conta coa colaboracións de máis de 160 voluntarios e voluntarias, na súa inmensa maioría persoal docente, investigador e alumnado da Universidade da Coruña.
Os dous equipos gañadores participarán no FIRST LEGO Championship que terá lugar, no The George R. Brown Convention Center de Houston (Texas), do 16 ao 19 de abril. A maiores, os equipos de obteñan o primeiro e segundo premio aos Valores FIRST, ao Proxecto de Innovación, ao Deseño do Robot e ao Comportamento do Robot, participarán noutros eventos internacionais chamados OPEN FIRST LEGO League que terán lugar, entre os meses de maio e xullo, en Grecia, Cidade do Cabo, California, Massachusetts, Florida e en Sidney.
Os gañadores da FIRST LEGO League Galicia que tivo lugar o pasado 22 de febreiro no Campus Industrial de Ferrol, os equipos Captioma Elementals, da Academia Captioma Galicia de Ourense, e o Mega Builder Team, do Centro de Formación Mega Riveira, participarán neste campionato nacional na categoría FLL Challenge para mozos e mozas de entre 10 e 10 anos.
Con todo, Galicia tamén estará representada polos equipos Monta e Aquabots de Gazapo Xestión de Narón (A Coruña) e Clam Trouleiro do CEIP da Barqueira de Cerdido (A Coruña) na categoría FLL Explorer de 6 a 9 anos. Estes tres últimos equipos non compiten no certame e asisten como convidados ao teren participado nalgunha edición da FIRST LEGO League Galicia.