A FP Dual en IA e Big Data gradúa a súa 4ª promoción con 19 estudantes
luns, 22 de xuño do 2026
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, felicitou hoxe os 19 estudantes que integran a cuarta promoción do máster de FP Dual en Intelixencia Artificial e Big Data, unha titulación pioneira desenvolvida en colaboración con NTT Data, especializada en ámbitos como a análise e explotación de grandes volumes de datos, a programación de sistemas intelixentes e o desenvolvemento de solucións baseadas en IA.
«Este máster é un magnífico exemplo do modelo de Formación Profesional que estamos impulsando en Galicia, sustentado na especialización, na innovación e nunha estreita colaboración co tecido empresarial», destacou. Neste sentido, subliñou que a FP Dual Intensiva permite ao alumnado «adquirir competencias moi demandadas e achegarse de primeira man á realidade das empresas, favorecendo así a súa incorporación ao mercado laboral».
O programa consolidouse como unha referencia da FP Dual Intensiva en Galicia grazas á combinación da formación académica coa experiencia práctica en contornas profesionais reais. A boa evolución desta iniciativa terá continuidade cunha nova edición, cuxo prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de xuño.
«Os excelentes resultados deste programa demostran que a Formación Profesional é unha das mellores vías para acceder a empregos cualificados e con gran proxección de futuro», afirmou a representante da Consellería. Esta formación enmárcase no Plan Innova FP Galicia 2026-2030, a estratexia da Xunta para reforzar a innovación e a investigación aplicada nestas ensinanzas e aliñalas cos obxectivos estratéxicos da I+D+i galega.
