A FP galega aborda con Telefónica o impulso da formación e a retención do talento

mércores, 13 de novembro do 2024 Redacción

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa directora de Telefónica para Asturias e Galicia, Paula Rodríguez, co obxectivo de abrir liñas de colaboración en materia de Formación Profesional e, en concreto, no eido da ciberseguridade, unha das áreas que rexistra unha maior demanda de profesionais cualificados a curto e medio prazo.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor este tipo de encontros na medida en que permiten escoitar “de primeira man” as necesidades do tecido empresarial e, deste xeito, “poder deseñar unha oferta formativa o máis pegada á demanda socioeconómica” ao tempo que “reter talento na nosa comunidade autónoma”.
Eugenia Pérez amosou a intención da Xunta en seguir reforzando a FP galega no eido da ciberseguridade, un compromiso que se reflicte en accións como a ampliación da oferta este curso con 14 mestrados e 340 prazas neste eido repartidas en centros educativos das catro provincias. Nesta mesma liña, estase impulsando espazo de alta especialización en ciberseguridade no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.