A FTC acusa a Amazon de prácticas anticompetitivas

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Que en España a CNMC sancionase a Amazon por prácticas anticompetitivas non é algo extraordinario, xa que en Europa son varios os países que exerceron accións contra a compañía de Jeff Bezos, pero agora tamén están a enfrontarse contra o xigante do comercio electrónico distintas autoridades dos EE.UU., por considerar que a compañía está a converterse nun monopolio.
Concretamente a FTC, o organismo regulador da competencia nos EE.UU., e 17 fiscais xerais estatais, veñen de demandar a Amazon por prácticas anticompetitivas para manter a súa posición dominante no mercado. Os denunciantes detectaron accións por parte de Amazon para evitar que os seus rivais e vendedores reduzan prezos, degradan a calidade dos comercios, cargan excesivamente aos vendedores e impiden unha competencia xusta.
A demanda deixa claro que Amazon non viola a lexislación polo seu grande tamaño, senón por realizar prácticas que evitan o crecemento dos competidores actuais e a emerxencia de novos competidores, evitándolles conseguir unha masa crítica de usuarios e vendedores.
Dende a FTC destacan que xa detectan como Amazon está a abusar da súa posición de dominio para enriquecerse, subindo prezos e degradando o servizo para millóns de familias estadounidenses e centos de negocios que venden a través da plataforma.
Como exemplo de malas prácticas indican que Amazon reduce a visibilidade dos vendedores que ofrecen os seus produtos máis baratos fóra de Amazon ou que sube os prezos para beneficiarse do programa Amazon Prime aos vendedores que tamén traballan con outras plataformas de comercio electrónico.
Tamén consideran negativo que Amazon dea prioridade nas buscas a produtos patrocinados, que dea preferencia aos produtos das súas propias marcas e que cargue cotas elevadas a centos de milleiros de vendedores que non teñen outra opción que vender a través de Amazon para manter a súa actividade.

PUBLICIDADE