A FTC protesta polos cambios no Game Pass

venres, 19 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Á anunciada suba de prezo do Game Pass para o mes de setembro saíulle un novo detractor, o organismo regulador da competencia nos EE.UU., a FTC, que xa se opuxera á compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft, e agora presenta unha queixa formal contra os cambios nas condicións do servizo Game Pass.
A FTC critica tanto a suba de prezos como a substitución dun dos seus plan básicos por unha modalidade que consideran degradada, ou sexa, que Microsoft estaría a prexudicar aos consumidores xusto do xeito que o organismo regulador apuntaba cando se opoñía á concentración de estudios por parte da compañía de Redmond.
A FTC sinala que estes cambios coinciden coa incorporación de Call of Duty ao Game Pass Ultimate, o que contradiría aos argumentos de Microsoft cando aseguraba que a compra de Activision Blizzard beneficiaría aos xogadores por engadir máis xogos ao Game Pass sen un incremento de prezo.
Lembremos que Microsoft tamén aseguraba que a compra non tería un grande impacto no cadro de persoal, e finalmente producíronse milleiros de despedimentos e peches de estudios tras completarse a fusión corporativa.