A Fábrica Dixital de Bloques centra unha conferencia da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que promoven Navantia e a UDC
luns, 17 de marzo do 2025
- Rafael Morgade nunha imaxe cedida por Navantia
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle este mércores 19 de marzo ás 18:00 horas, o relatorio do responsábel de Transformación Dixital e Industrial, Rafael Morgade, e do responsable de Produción de Navantia Ría de Ferrol, Raúl Rico, titulada Fábrica Dixital de Bloques: Vector de Transformación do Estaleiro do Século XXI.
A cita encádrase no marco do Ciclo de Conferencias 2024/25 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto con Navantia, baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, e do responsábel de sorograma das Jackets en Navantia Seanergies, Fernando Lago.
- Raul Rico nunha imaxe de Navantia
Ao longo da súa intervención, o responsable de Transformación Dixital e Industrial, Rafael Morgade, e o responsábel de Produción de Navantia Ría de Ferrol, Raúl Rico, presentarán a Fábrica Dixital de Bloques desde unha tripla perspectiva. A primeira delas, como o maior investimento realizado nun estaleiro español nos últimos 50 anos. A segunda afondará nunha instalación que duplicará a capacidade produtiva do estaleiro e transformará os seus procesos produtivos. E, a terceira e última perspectiva, presentará a Fábrica Dixital de Bloques como un referente na implantación de solucións dixitais a nivel de operación na propia compañía. A conferencia poderá seguirse en directo a través da páxina web da devandita Cátedra.