A Fábrica de Papel do Carballiño reivindica a innovación e o emprendemento feminino
martes, 4 de novembro do 2025
A antiga Fábrica de Papel do Carballiño acolleu este luns 4 de novembro a xornada Emprendedoras na Fábrica, unha iniciativa coorganizada pola Deputación de Ourense e a Asociación de Novos Empresarios (AJE) co obxectivo de visibilizar, fortalecer e crear sinerxías entre mulleres emprendedoras da provincia.
O presidente da Deputación de Ourense destacou na inauguración a tripla satisfacción que supón celebrar este encontro: “Pola recuperación deste edificio histórico, pola cooperación entre institucións e colectivos, e polo compromiso da Deputación co emprendemento en feminino”.
Durante o acto, Menor informou dos resultados da recente convocatoria do programa EmprendOU en feminino, que pechou o prazo de solicitudes o pasado 15 de outubro. Presentáronse un cento de proxectos empresariais iniciados por mulleres residentes en máis de 50 concellos da provincia, das cales 74 cumpriron todos os requisitos e recibirán a axuda provincial nas próximas semanas.
Luis Menor adiantou ademais que a Deputación incorporará a partir de 2026 unha partida anual específica para apoiar as mulleres emprendedoras, garantindo a continuidade destas axudas nos vindeiros exercicios. “As beneficiarias do programa seguirán recibindo cada ano o 50% do Salario Mínimo Interprofesional, sempre que manteñan a súa actividade empresarial”, sinalou.
A xornada Emprendedoras na Fábrica incluíu mesas sectoriais con preto de 30 mulleres beneficiarias do programa EmprendOU, que compartiron as súas experiencias emprendedoras en distintos ámbitos, así como a participación de empresarias de AJE e un obradoiro sobre presenza dixital e comunicación nas novas empresas.
Menor concluíu subliñando que encontros como este “son unha ferramenta esencial para construír redes de colaboración, fortalecer o tecido produtivo e seguir facendo provincia con talento, esforzo e ilusión”.
