A Factoría IA da Cidade das TIC achegará as vantaxes da Intelixencia Artificial á industria da construción
xoves, 12 de setembro do 2024
O noso sector TIC, o CITEEC da UDC, a Fundación Galicia Constrúe e o Clúster da Construción foron quen de xerar na Cidade das TIC o que sería para o sector o primeiro gran proxecto deste complexo tecnolóxico localizado na antiga Fábrica de Armas da Coruña. Estamos a falar da Factoría IA, centrada na Intelixencia Artificial para a industria da construción. Emprazada no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, xa recibiu o apoio dunha ducia de firmas da dita industria. A finalidade é xerar unha ferramenta de IA que achegue ferramentas de voz, vídeo e datos para o sector da construción. Participan as empresas Cinfo, Enxenio e Possible, e tamén a firma XAC.
Cinfo, dirixida por Antonio Rodríguez del Corral, é a que actúa como coordinadora da Factoría IA, achegando a súa ampla bagaxe no uso da Intelixencia Artificial a nivel de contidos audiovisuais. Possible ocúpase dos módulos de procesamento da linguaxe e Enxenio, pola súa banda, impulsa o que sería o desenvolvemento da plataforma de IA.
O proxecto ten o seu xermolo no impulso do CSA e na formación dos grupos de innovación que lle tirarán proveito. Unha destas frontes de traballo foi a formada por empresas do sector tecnolóxico e empresas da construción, cuxas reunións frutificaron na dita factoría (cun orzamento inicial de 2,2 m€ e apoiándose no datacenter de IA do CSA da Cidade das TIC para establecer un marco de traballo permanente para o desenvolvementos da IA aplicada ao sector da construción).
Ao abeiro desta iniciativa crearase como dixemos unha plataforma de IA que integrará o coñecemento da normativa sectorial e de especificacións técnicas do sector. “Terá a capacidade de conversar sobre a normativa do sector e xerar documentos oficiais e informes así como de diversa documentación interna de obra”, informaron as ditas empresas TIC, engadindo que “no lado do vídeo permitirá calcular o avance diario de determinadas partes da obra así como prestar servizos de vixilancia en temas de seguridade e saúde no traballo”.
Nunha vertente máis de investigación darase forma a algoritmos para a detección temperá de problemas estruturais en obra, para aplicar IA no manexo de obxectos e para o tratamento da voz en contorna de obra, tendo en conta os aspectos de ruído, a xerga e os diversos acentos do sector. Estas tarefas serán efectuadas polo CITEEC da UDC. Os integrantes do proxecto empregarán só modelos fundacionais europeos e máis o modelo do PERTE da Lingua en canto este estea dispoñíbel.