A Factoría Moza de Santiago colle impulso coa apertura do procedemento de redacción de proxecto

martes, 24 de marzo do 2026 S. P.

O Concello de Santiago compartiu novidades importantes sobre a Factoría Moza que proxecta no barrio de Salgueiriños, concretamente nas instalacións orixinalmente destinadas ao parque comarcal de bombeiros, agora en abandono e nunca rematadas. Trátase dun espazo creativo cunha clara vertente argalleira (maker) que dará “un novo destino á estrutura do parque de bombeiros e que ten un orzamento previsto de 4,5 millóns de euros”. Neste intre a factoría atópase co procedemento aberto para adxudicar a redacción do proxecto, cun orzamento de algo máis de 315.000 euros.
Así o acordou a Xunta de Goberno, tal e como detallou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.
María Rozas explicou que o procedemento de licitación aprobado inclúe non só a redacción de proxecto básico e de execución da Factoría senón tamén a dirección de obra. Desta maneira, o orzamento base de licitación de 315.793,99 euros, IVE incluído, distribuirase en tres anualidades e a vixencia do contrato estenderase desde a súa sinatura ata a liquidación do contrato de obras. O prazo para a redacción do proxecto será de seis meses, tres meses para a entrega do proxecto básico e outros tres meses para a entrega do proxecto de execución. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas nun prazo de 35 días naturais a contar desde o envío do anuncio ao DOUE.
A concelleira de Xuventude indicou que o proxecto que redacte a empresa adxudicataria deste contrato “terá como punto de partida o anteproxecto presentado no seu día, que fala dun edificio cunha superficie construída de case 4.500 metros cadrados, distribuídos en tres andares”.
Seguindo ese deseño inicial, que pode mudar no proxecto definitivo, a Factoría contaría con catro grandes zonas diferenciadas por temáticas: unha área pensada para a música, con ata sete salas de ensaio e gravación e unha ampla sala de concertos; outra para a formación, asesoramento e estudo, con aulas, biblioteca e despachos; unha terceira zona destinada á actividade física e espazo maker; e unha área de traballo tipo coworking. Ademais, o anteproxecto prevía unha área de lecer e interacción social a modo de praza cuberta, con instalacións acaídas para a práctica de deportes urbanos.
María Rozas insistiu en que a Factoría será “un centro de referencia nas políticas públicas para a mocidade, mesmo a nivel internacional, e permitirá desenvolver iniciativas transformadoras vinculadas á educación, as industrias culturais ou a formación”. Tamén salientou que o edificio permitirá “achegarlles novas posibilidades para o ocio aos mozos e mozas, que moitas veces non atopan alternativas para socializar que non estean vinculadas aos centros comerciais e ao consumo”. Iso, insistiu, “debe ser corrixido nunha cidade como Santiago na que están empadroados 9.000 mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, e na que temos unha universidade con 23.000 estudantes matriculados”.