A Facultade de Informática da UDC celebra o seu 25 aniversario

xoves, 9 de decembro do 2010 Raquel Noya

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que durante este curso celebra o seu 25 aniversario, vai inaugurar unha exposición fotográfica, da man do seu reitor José María Barja, como un dos principais actos de conmemoración da devandita data, que estará no Pavillón de Estudantes dende este mesmo xoves, 9 de decembro, ata finais de mes.
Trátase da primeira das varias actividades coas que a Facultade quere celebrar (en marzo de 2011) a creación da escola universitaria, que arrancou cun plano de estudos de Diplomatura en Informática en setembro de 1986.
Na actualidade, a Facultade de Informática, con preto de 2.000 alumnos, é un dos centros con maior número de estudantes da Universidade da Coruña, e, segundo afirman dende o seu seo, “é o centro de referencia en Galicia en estudos informáticos universitarios”.
Asemade, dende este curso (coincidente cos 25 anos) imparte o Grao en Enxeñaría Informática, que supón a integración de todas as especialidades existentes en España. A Facultade coruñesa oferta o único título en Galicia que, segundo afirman, “asegura unha cobertura de todas as competencias que poden adquirirse no ámbito da Enxeñaría Informática”
O centro completa o seu catálogo formativo con seis mestrados universitarios e cinco programas de doutoramento.