Familia Caamagno lembra a informática dos anos 90 no seu último vídeo musical

mércores, 5 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Familia Caamagno, a banda galega de rock nacida en Sigüeiro hai máis dunha década, está a ultimar o seu novo disco, do que veñen a estrear o seu cuarto e último sinxelo, Máquina virtual, que tras pasar polas mans dos irmáns Xaime e Antón Miranda converteuse nun vídeo musical de auténtico culto ao realizar unha achega nostálxica á década dos 90 a través dunha sesión de uso dun sistema operativo inspirado en Windows 95.
Neste curioso vídeo musical podemos ver homenaxes a WinAmp, o Paint, o mIRC e outras aplicacións, así como acenos a videoxogos clásicos como Doom e Realms of Arkania. No videoclip tamén é digna de mención a aparición do Internet Explorer cargando unha páxina web da Familia Caamagno na que non faltan fondos con textura, combinacións de cores demasiado rechamantes e imaxes animadas como o mítico Dancing Baby.
Todo un exercicio de nostalxia que sen dúbida axudará a que a nova canción da Familia Caamagno sexa coñecida polos que se introduciron no mundo da informática nos anos 90.

Máquina virtual, novo vídeo musical da Familia Caamagno

PUBLICIDADE