A Federación Galega de Dano Cerebral premia o CITIC da UDC por favorecer a inclusión social a través das tecnoloxías

xoves, 29 de xuño do 2023 S. P.

O CITIC da Universidade da Coruña recibiu este xoves o 11º premio Miguel Blanco da Federación Galega de Dano Cerebral polo seu compromiso cos dereitos e a inclusión social así como o exercicio dunha vida plena e autónoma por parte do colectivo con dano cerebral adquirido. No acto de entrega do recoñecemento, que tivo lugar na Cidade da Cultura no marco a II Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral, estiveron por parte do CITIC, o seu director, Manuel F. González Penedo, e os investigadores Thais Pousada García e Manuel Lagos Rodríguez.
“É unha gran honra recibir este recoñecemento polo noso compromiso cos dereitos e a inclusión social. Este premio impúlsanos a seguir traballando no noso labor de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías que melloren a calidade de vida das persoas con dano cerebral. O noso obxectivo é continuar xerando solucións innovadoras que lles permitan alcanzar unha maior independencia e participación activa na sociedade. Quero agradecer á Federación e ás asociacións que a integran a súa colaboración e aos investigadores do CITIC a súa dedicación e compromiso para acadar unha sociedade más xusta, igualitaria e accesible”, sinalou o Manuel F. González Penedo, ao recoller o premio.
Neste senso, o director destacou o traballo do CITIC “no fomento da inclusión no ámbito tecnolóxico e a mellora da calidade de vida de todas as persoas, a través de múltiples iniciativas como o programa Talentos Inclusivos, un proxecto desenvolvido polo CITIC da UDC, en colaboración con ASPACE, que ten como obxectivo espertar vocacións STEM entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver desafíos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral”.
Espazos personalizados de Realidad Virtual
Así mesmo, persoas usuarias de ADACECO participan no proxecto do CITIC Espazos Personalizados de Realidade Virtual para a Neurorrehabilitación, que achega a posibilidade de traballar actividades cotiás sen ter que cambiar de localización, contribuíndo isto á rehabilitación das persoas con dano cerebral adquirido como paso previo a realizalas nas súas contornas reais. Trátase dunha iniciativa na que a Realidade Virtual permite interactuar con diferentes elementos de maneira semellante ao que sucedería no mundo real, tal e como recorda a investigadora Thais Pousada, que dirixe este proxecto, que se atopa en fase de desenvolvemento, cuxos escenarios foron realizados polo informático e doctorando Manuel Lagos e probados por persoas usuarias de ADACECO.

PUBLICIDADE