A Federación Galega de Fútbol lánzase a probar a tecnoloxía ADESTRapp

venres, 2 de setembro do 2016 Redacción

A tecnoloxía ADESTtrapp de Balidea estase a espallar con paso firme nas nosas contornas deportivas. Un exemplo disto é a decisión da Federación Galega de Fútbol de probar o sistema o vindeiro domingo 4 de setembro co obxectivo de achegalo a todos os clubs e optimizar o seu día a día en materia de adestramento e competición. A proba levarase a cabo no choque de Primeira Rexional entre o Umia CF e o Xuvenil de Ponteareas (ás 12.00 horas no campo A Bouza de Barrantes).
ADESTtrapp, como lembraremos, permite a gravación e visualización de imaxes deportivas que logo se poden ver ao detalle (dende tabletas, móbiles ou portátiles) co fin de corrixir erros e mellorar as técnicas. A aplicación é un produto de captación e análise de vídeo aplicado a contornas de competición, adestramento e arbitraxe. Entre outras cousas, posibilita a cada usuario a xestión individual das imaxes captadas: repeticións, rebobinado, velocidade, zoom, ver a imaxe retardada... así como realizar o corte dos vídeos do seu interese para a súa posterior descarga e almacenaxe.
O obxectivo da Federación Galega de Fútbol é levar esta tecnoloxía de Balidea a todos os clubs de Preferente coa posibilidade de amplialo a Primeira Rexional e outras categorías.

PUBLICIDADE