A Feira de Emprego do Barbanza porá o foco nos novos avances en IA
mércores, 30 de abril do 2025
O Concello de Boiro celebra os días 14 e 15 de maio unha nova edición da Feira de Emprego do Barbanza, logo do éxito da primeira celebrada en 2023. O encontro terá lugar no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira e está destinado a empresas e tamén demandantes de emprego.
Estas xornadas teñen como finalidade “promover e facilitar a relación entre o tecido empresarial da comarca do Barbanza e as persoas demandantes de emprego; así como dar a coñecer as principais estratexias en materia de formación e selección que se están a levar a cabo por parte das organizacións empresariais para facilitar a inserción laboral da comarca”.
Os foros de debate desta edición versarán sobre os avances tecnolóxicos da Intelixencia Artificial (IA) e a súa repercusión sobre as empresas e propoñer estratexias sobre a sustentabilidade a través da economía circular, tomando conciencia da importancia que supón para o desenvolvemento local e territorial e para a saúde medioambiental.
A programación dividirase en dúas xornadas, os días 14 e 15 de maio de 2025. O primeiro día estará destinado a dar soporte e atención ás empresas da comarca que queiran asistir para as mesas redondas. A primeira delas será sobre Intelixencia Artificial e futuro no emprego e a segunda das mesas redondas será sobre Economía Circular: unha aposta de futuro para a creación de emprego.
O segundo día, o xoves 15, estará enfocado ás persoas demandantes de emprego a través de diferentes obradoiros de media hora de duración nos que se proporcionarán opcións de formación ou reciclaxe profesional, ferramentas para mellorar a súa empregabilidade e facer procura activa de emprego, o emprendemento ou o autoemprego.
Durante a xornada contarase coa presenza de empresas de diferentes sectores que ofrecerán o seu espazo para informar sobre perfís máis demandados no seu ámbito, postos de traballo vacantes ou recollida de currículos. Ao final da xornada do xoves, todas as persoas que participen e interactúen con empresas, participarán nun sorteo especial. O número para a participación no mesmo asignarase segundo a inscrición realizada na páxina web municipal, sendo preciso estar presente no momento do sorteo.