A Feira de Outubro de Emprendedoras de Compostela será retransmitida por YouTube

venres, 9 de outubro do 2020 S. P.

Santiago acollerá este mes a segunda edición da Feira de Outubro de Emprendedoras de Compostela, que este ano, amais de estar marcada pola COVID e pola necesidade de coller impulso para superala (con creatividade, colaboración e tecnoloxías), tamén estará marcada pola innovación social, que será un dos grandes fío temáticos do evento. A iniciativa, que conta coa colaboración da USC e que promove a Oficina de Promoción Económica do Concello, foi debullada nos seus detalles polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.
Segundo fixeron saber, o “obxectivo é achegar á cidadanía as diferentes iniciativas da economía social lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsábel e transformador na contorna máis próxima”.
O encontro celebrarase os días 30 e 31 de outubro en formato semipresencial. A parte presencial desenvolverase na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago e todo o evento será retransmitido en liña e en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende. Segundo se fixo saber na presentación deste venres, as protagonistas serán “as mulleres que crean empresas con fines sociais, e nas que a súa actividade empresarial non está só determinada pola necesidade de maximizar os beneficios económicos, senón tamén por buscar coa súa actividade lograr un impacto social”.
O evento contará cunha parte de formación semipresencial na temática do Design Thinking que está dirixida a mulleres emprendedoras. As sesións serán en liña dende o luns, día 26, ata o xoves, 29 de outubro, mentres que o venres 30 de outubro será presencial no Espazo Gastro da Praza de Abastos.
O programa do encontro propiamente comezará o sábado, día 31, ás 9.30 horas, cunha mesa redonda na que está prevista a intervención de Carme Casado Casado, responsábel de Desenvolvemento Económico, Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago; Alba Paz Boubeta, subdirectora Xeral de Economía Social da Consellaría de Economía, Emprego e Industria; Mercedes Vázquez Bartomeu (AESGAL); Ana Olveira Blanco (Unión de Cooperativas Espazocoop); María Dolores Calvo (AGACA); e Rosa Gutiérrez (Galega de Economía social CEGASAL).
De 10.30 e 13.30 horas desenvolverase unha feira expositiva presencial coas impulsoras das marcas da exposición. Tanto en liña como en directo poderase seguir as testemuñas destas emprendedoras. Tamén está prevista a participación de diferentes entidades que velan por crear un tecido empresarial responsábel e transformador na contorna máis próxima, con especial atención a valores asociados ao feminismo, abordados dende a creatividade, o coñecemento, e o impacto social e ambiental.

PUBLICIDADE