A Fonera 2.0n sae á venda o 23 de setembro

martes, 15 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Martín Varsavsky confirmou no seu blog persoal que a Fonera 2.0n, unha versión mellorada do popular router para a rede sen fíos Fon que soporta o estándar IEEE 802.11n, sairá á venda o vindeiro día 23 por 79 euros.
O novo router, aparte de contar coas funcións básicas que permite o acceso á Internet dende varios equipos, conta con portos USB aos que podemos conectar discos duros externos ou incluso un modem 3G (permitindo compartir unha conexión de banda larga sen fíos entre varios equipos).
Un dos uso máis interesantes deste router é o feito de que integran software cliente para BitTorrent, o que permite automatizar as descargas da rede P2P, de xeito que están activas incluso co ordenador apagado (o que tamén pode facerse con descargas de webs coma Megaupload e Rapidshare).
Outra función atractiva dos últimos routers de Fon é o feito de permitir a carga desatendida de vídeos a YouTube ou de fotografías a distintos servizos en liña (coma Flickr e Picasa), de xeito que o usuario pode evitar realizar esta carga manualmente.


Demostración das posibilidades da Fonera 2.0n