A Fundación Aldaba impulsa un novo proxecto de transformación dixital e social: Aldaba Dixital

luns, 18 de decembro do 2023 S. P.

A Fundación Aldaba vai celebrar esta semana en Vigo, na Casa Galega da Cultura, unha xornada para presentar Aldaba Dixital, unha iniciativa centrada na transformación dixital e o apoderamento social. O evento de presentación contará coa intervención das persoas beneficiarias, a proxección de varios vídeos e unha exposición fotográfica dun usuario.
Aldaba Dixital conta co financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia cos Fondos de Recuperación Next Generation da Unión Europea, xestionado polo Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030. En palabras de Aldaba, “marca un fito na traxectoria da fundación cara á dixitalización e a innovación tecnolóxica”.
A iniciativa esténdese a través das tres comunidades autónomas onde opera a entidade: Galicia, Madrid e Illas Baleares, enfocándose en mellorar a vida de persoas con autonomía limitada, nenez en risco e persoas con discapacidade. “Este proxecto”, engade a fundación, “inclúe o desenvolvemento dun espazo virtual exclusivo para as persoas usuarias, un plan integral para potenciar as habilidades tecnolóxicas dos beneficiarios, profesionais e persoal voluntario, así como o deseño dun plan de transformación dixital e ferramentas tecnolóxicas de xestión específicas adaptadas ás súas necesidades”.
En palabras de Aldaba, “o proxecto non só representa un avance no panorama tecnolóxico, senón que tamén é un esforzo concertado por xerar un impacto positivo e tanxíbel na sociedade”.
A xornada de presentación do proxecto celebrarase este mércores 20 de decembro no salón de actos da Casa Galega da Cultura, a partir das 11:30 horas. Este evento contará coa participación activa das persoas beneficiarias do proxecto, a proxección de varios vídeos e unha exposición fotográfica única, mostrando a obra dun mozo, usuario dun programa da fundación en Vigo.