A Fundación Araguaney avalía como afectan á ficción as novas plataformas

mércores, 3 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas organiza este 4 de outubro un foro sobre os nosos novos xeitos de consumir audiovisual e ficción televisiva, uns xeitos que mudaron para sempre (sen volta atrás) dende a aparición das plataformas de TV dixital e de servizos como YouTube. O foro, titulado Da idea á pantalla: a realidade da ficción televisiva estará aberto ao público en xeral. Comezará ás 20:30 horas no Hotel Eurostars Araguaney de Santiago, contando coa participación de catro expertos referenciais en novas canles e novos contidos (e en como as novas canles tamén son quen de dirixir o rumbo dos contidos, condicionándoos e influíndo en argumentos e propostas).
O guionista, director e produtor executivo de diversas compañías, Pepe Coira; a vicepresidenta de Negocio Internacional de Atresmedia Estudos, Laura Miñarro; e o socio fundador e director xeral de Onza Partners, Gonzalo Sagardía, participarán no foro organizado pola Fundación Araguaney, que estará moderado polo produtor e director de cinema, e presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Jorge Algora.
Segundo avanza Gonzalo Sagardía, a fragmentación de canles e a nova forma de consumir televisión inflúen dunha maneira transcendental na produción televisiva, “non só mudando os hábitos de consumo, senón que a plataforma de consumo dalgunha maneira condiciona tamén o tipo de produto, modificando igualmente o fin da produción”.
O director xeral de Onza Partners, a maiores, sinala que hoxe non perseguen o mesmo Antena 3 e Telecinco que Netflix e Amazon, “xa que os negocios cambian e a maneira de rendibilizalos tamén”. Segundo engade, “o sector está nun intre de transformación que aínda non está totalmente definido e os próximos anos van ser apaixonantes para produtores e tamén para distribuidores”.
Sagardía tamén pon o foco nos tipos de plataforma que se nos ofrecen e en como estes non só poden determinar argumentos, senón a repercusión final de cada produto. “O tipo de plataforma condiciona tamén a tipoloxía de historia de ficción”, sinala, aludindo a casos concretos como á serie A Casa de Papel, que emitiu nun principio Antena 3 (onde “non rematou de funcionar”) e que logo foi retomada (con éxito mundial) por Netflix. “As series que contan con grandes xiros de guión deseñados para atrapar ao espectador funcionan mellor en plataformas que permiten un consumo continuado que en canles lineais. Para determinados espectadores esperar unha semana entre un capítulo e outro é demasiado. Precisan dun consumo máis obsesivo para gozar plenamente do seu entretemento”.

PUBLICIDADE