A Fundación Araguaney mostra como cambiaron coa era dixital os nosos xeitos de consumir cinema

luns, 5 de febreiro do 2018 Redacción

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, con sede en Santiago, celebrou esta tarde un foro para botar luz sobre como cambiamos agora que xa non somos espectadores analóxicos, definitivamente, e o dixital instalouse non só nos produtos que vemos, senón nos xeitos nos que accedemos a eles. O foro Pasado, presente e futuro da televisión en España. A ficción emerxente celebrouse no hotel Eurostars Araguaney, contando con máis de 150 asistentes e servindo, en palabras da organización, para pór o foco na evolución da ficción española no últimos vinte anos e o nacemento das plataformas de televisión por Internet.
Participaron tres directores actuais de gran proxección: Carlos Sedes (As mozas do cable de Netflix), Jorge Sánchez-Cabezudo (A zona de Movistar+), e Alberto Rodríguez (A peste de Movistar+, La isla mínima), moderados polo director de Antena de laSexta Mario López.
Alberto Rodríguez, explicou que, aínda que actualmente o audiovisual en España atravesa un intre de esplendor, houbo outras boas épocas para a ficción no país. Na súa opinión, “somos moi desmemoriados, xa nos anos 80 emitíronse unhas series en TVE con calidade impresionante. Agora estamos nun momento dun investimento moi importante e o desembarco doutro tipo de series, sobre todo coa aposta potente que está a facer Movistar”, manifestou, louvando o papel en España despregado pola operadora, moi envorcada en promover contidos dixitais de calidade.
Segundo o director de La isla mínima, este auxe débese a que “na actualidade os profesionais do sector están moi preparados e cualificados”. Ademais, fixo fincapé nunha certeza que está alén de toda dúbida (o xurdimento dunha nova forma de consumo de TV, sen ataduras de horario nin de ningún tipo grazas aos contidos á carta e aos novos dispositivos tecnolóxicos conectados) e en como podería ser o bosquexo da televisión do futuro: unha televisión na que, fóra das novas, todo practicamente se consuma a demanda, achegando unha redefinición total da nosa forma de consumir produtos audiovisuais. “Debemos apostar por produtos de produción propia e contar nosas propias historias”, salientou.

PUBLICIDADE