A Fundación Araguaney renova web na procura dun público máis diverso

luns, 17 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, con base de operacións en Santiago (dende onde promove o entendemento e a comunicación entre culturas e civilizacións), vén de renovar a súa páxina web, www.fundacionaraguaney.com. E faino xuntando recursos (novidades, informacións, servizos) e achegándoos aos internautas sen atrancos de ningún tipo. Por exemplo, a través da nova web poderemos coñecer, nunha única visita e de xeito directo e inmediato, as últimas novidades relativas aos eventos máis importantes da fundación, o Festival de Cinema Amal, o Premio Revbela de Comunicación, os Foros Revbela e as exposicións artísticas e publicacións que a entidade presenta de maneira regular. A nivel de fasquía e entroncando co devandito obxectivo de derrubar muros (físicos e en liña), a nova plataforma dixital salienta por ser máis visual e dinámica có anterior deseño. Segundo sinalan os seus responsábeis, está feita para chegar a un público máis diverso.
A web recolle os contidos centrais da entidade, como son a composición do novo Padroado, os principais proxectos e unha sección de noticias. O presidente da Fundación, Ghaleb Jaber Martínez, explica que este redeseño ten como fin dar “maior visibilidade” ao patrocinio artístico, á edición literaria, á organización de exposicións, de concertos, de coloquios e doutras actividades culturais de diversa índole, ademais de difundir a filosofía da Fundación como ponte entre culturas: o achegamento cultural entre o mundo árabe, Hispanoamérica e Galicia.
Como novidade, a páxina inclúe o apartado A nosa historia, unha sección na que se resumen de maneira visual os principais eventos organizados pola Fundación e celebrados no Hotel Araguaney desde a súa inauguración en 1985 até os nosos días. A galería recolle fotografías das visitas de personaxes “relevantes da política nacional e internacional” ou do ámbito cultural, como a de Fidel Castro en 1992 ou a de Yasser Arafat en 1994 a Santiago de Compostela. Tamén se poden ver recordos da Bienal de Arte Araguaney ou da celebración do Premio Araguaney de Ouro.

PUBLICIDADE