A Fundación Barrié e o ITG abren o prazo de inscrición para a Liga Maker Drone 2026

xoves, 18 de setembro do 2025 S. P.

A Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) abriron o prazo de inscrición para a liga Maker Drone 2025/2026. Os equipos que estean interesados en participar nesta competición escolar, aberta a estudantes de 2ª de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de toda Galicia, poderán inscribirse ata o 29 de setembro na Rede.
A liga Maker Drone é unha ambiciosa iniciativa educativa e tecnolóxica pioneira en España, que se basea no uso dos vehículos aéreos non tripulados co fin último de “estimular o interese por científico-tecnolóxico entre as novas xeracións”. Para iso, os equipos participantes terán que dar solución a un problema social concreto que se lles exporá desde a organización.
Así, na anterior edición, na que participaron 180 estudantes de centros escolares das catro
provincias galegas, o reto proposto consistiu en deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para o transporte inmediato de medicinas a contornas rurais ou de difícil acceso.
As prazas para participar están limitadas a 18 equipos e existirá unha listaxe de reserva con 5 equipos. Os equipos deben ter un mínimo de 7 e un máximo de 10 integrantes, distribuídos entre 6 8 titulares, un mentor (opcional) e un coordinador (profesor-titor), que terá un rol activo no desenvolvemento das actividades e do traballo autónomo do equipo
Entre os criterios de selección, a organización terá en conta o nivel de integración das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) no centro solicitante; a materia impartida polo profesor-coordinador e a súa experiencia previa co manexo de drons, robótica, electrónica ou programación; o grao de motivación e a dispoñibilidade do profesor-coordinador para participar na liga e a dispoñibilidade de espazos e medios necesarios para a realización de actividades no centro.
Ao comezo do calendario escolar realízase unha xornada de introdución aos drons dirixida á totalidade do alumnado de 2º de ESO dos centros participantes e, unha vez anunciado o reto tecnolóxico desta edición, a organización impartirá unha formación tecnolóxica, co fin de dotar a cada equipo das nocións básicas para a preparación autónoma do reto. A formación estrutúrase en tres sesións, que tratarán as seguintes temáticas: manipulación de ferramentas e materiais; nocións básicas de electrónica, programación, soldadura, conectores; e funcionamento de mecanismos: engrenaxes, poleas, indicadores, sensores, etc. Finalizada a formación, os equipos traballarán de maneira autónoma no reto tecnolóxico proposto.
O 8 de maio de 2026 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo. As demostracións serán valoradas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
-Premio ao equipo gañador da competición. Esta categoría resolverase en modo torneo, no que os equipos competirán de maneira simultánea para efectuar a misión definida no reto de forma correcta no menor tempo posible.
-Premio ao mellor deseño. Nesta categoría valorarase a optimización do deseño, segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
-Premio á solución máis disruptiva. Nesta categoría valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
-Premio á destreza no voo. Nesta categoría valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
-Premio á mellor presentación, conforme a expresión oral, a claridade e os medios gráficos empregados para a exposición.