A Fundación CEL alentará o emprendemento e a innovación en tres centos educativos da provincia de Lugo

venres, 18 de xullo do 2014 Redacción

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo formalizou tres acordos con outros tantos centros educativos da provincia para fomentar o emprendemento empresarial entre os estudantes. A idea é ofrecerlles aos centros e aos participantes colaboración permanente, asesoramento e apoio directo para permitir que abrollen proxectos empresariais innovadores. A Fundación seleccionou para esta andaina tres institutos das zonas norte e sur de Lugo, a fin de crear “unha rede con centros de referencia en todos os puntos da provincia para os mozos emprendedores que busquen apoio para as súas ideas”. Trátase do Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga (Ribadeo) e dos IES A Pinguela e Daviña Rei, en Monforte.
Entre os obxectivos fundamentais dos acordos subscritos atópanse os de “fomentar o espírito emprendedor, mellorar as oportunidades para a creación de novas empresas nas zonas norte e sur da provincia de Lugo e apoiar a creación de iniciativas de mercado viables ofrecendo asesoramento, captación de investidores e de financiamento e canalización de axudas”.
Prevese a posta en marcha de actividades concretas como a organización de xornadas, conferencias, cursos e outras accións divulgativo-formativas nas localizacións dos centros; a organización de visitas ao viveiro de empresas da Fundación e encontros con emprendedores; a extensión dos servizos de asesoramento da Fundación CEL aos emprendedores destes centros educativos, vía medios telemáticos ou de forma persoal se fose requirido, así como o acceso dos mozos destes centros aos servizos de tramitación telemática de iniciativas empresariais que a Fundación CEL ofrece na súa condición de PAES (Punto de Atención ao Emprendedor) do CIRCE do Ministerio de Industria. Asemade, facilitarase o acceso ao profesorado e alumnado destes centros ás circulares e boletíns en liña con información de interese para emprendedores que elabora a Fundación así como aos seus diferentes servizos especializados de apoio a proxectos empresariais.