A Fundación CEL introdúcenos de balde nos segredos da mercadotecnia dixital para cooperativas

luns, 10 de xullo do 2017 Redacción

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo quere repetir o éxito colleitado na primeira edición (en 2016) das súas actividades formativas de balde sobre mercadotecnia dixital para cooperativas. Por esta razón, volveu convocar para a volta do verán, xa no mes de setembro, dous cursos sobre marketing en liña especialmente dirixido ás devanditas entidades colectivas e, tamén, ás sociedades laborais de recente creación e emprendedores de economía social. Os obradoiros serán impartidos por Raúl Ordóñez, profesional con máis de dez anos de experiencia, especializado en mercadotecnia e comunicación en liña, formación e consultoría tecnolóxica, blogues, redes sociais, goberno aberto e estratexias dixitais no mundo empresarial e organizacional.
No primeiro deles, que se desenvolverá do 11 ao 14 de setembro en horario de tarde, a intención é aprender aos participantes a instalar, configurar, xestionar e optimizar WordPress, o popular xestor de contidos (empregado hoxe en día en tres de cada catro webs corporativas do planeta, segundo lembran dende a Fundación CEL). Xunto aos aspectos técnicos, tamén se abordarán as claves para desenvolver unha estratexia de mercadotecnia de contidos axeitada para un negocio ou proxecto a través desta ferramenta.
No segundo curso (do 19 ao 21 de setembro) os participantes entrarán en contacto coa importancia que teñen as redes sociais como canles de comunicación, promoción e venda. O obradoiro abordará algunhas das máis importantes comunidades dixitais, como Facebook, Twitter ou Youtube, explicando o seu funcionamento e fornecendo aos asistentes dos coñecementos necesarios para levar a cabo “unha estratexia social media eficiente”.
Trátase dun proxecto co-financiado pola Rede Eusumo e a Xunta de Galicia do que xa se realizou unha primeira edición en 2016. Esta primeira convocatoria, engade a Fundación CEL, foi quen de acaparar un gran interese e obtivo unha excelente resposta e resultados por parte dos participantes.

PUBLICIDADE